O sábado 21 de febreiro, con motivo da 40ª Festa do Queixo de Arzúa coordinamos un encontro público coa participación de mulleres de diferentes xeracións con experiencia na elaboración de queixo. Por medio das súas narracións persoais e da súa experiencia, coñecemos mellor a vida das queixeiras de Arzúa de onte e de hoxe. Falamos con elas sobre a elaboración do queixo, sobre a evolución da tecnoloxía, mais, sobre todo, tratamos da importancia e impacto que tivo e ten na súas vidas e na súa terra.

O formato foi o dunha conversa guiada, que se acompañou da proxección de fotografías relacionadas coa temática do encontro e ao redor das cales se poden establecer novos diálogos. Por último, proxectouse un vídeo de entre 4 e 6 minutos compilando anécdotas e pequenas historias recollidas durante as diferentes entrevistas realizadas polo equipo de traballo.

Este acto enmárcase dentro do proxecto de salvagarda da historia das mulleres do concello de Arzúa por medio da recollida de campo de memoria oral e material fotográfico.

Obxectivos

  • Recoñecer e revalorizar o papel fundamental das mulleres, tanto no presente como no pasado, na elaboración do queixo.
  • Establecer un espazo de encontro e intercambio entre distintas xeracións de mulleres queixeiras así como co público en xeral.
  • Coñecer en primeira persoa as mudanzas persoais e sociais que se produciron nesas mulleres e na súa contorna ao longo do tempo e como se transmitiu ou adquiriu o coñecemento para a elaboración do queixo.
  • Pór en contraste diferentes técnicas e formas de traballar o queixo.

homenaxe

 

Vídeo proxectado ao final do acto:

Homenaxe ás queixeiras from MaOs Innovación Social on Vimeo.

Deixar unha resposta