Con motivo da conmemoración do nacemento de Isaac Díaz Pardo o 22 de agosto de 1920, a Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural, do Concello de Santiago, ofertará durante o mes de agosto un roteiro de homenaxe ao ilustre compostelán. MAOS deseñamos o roteiro e seremos quen o guiemos durante as diferentes sesións previstas.
A través de diversos lugares de Compostela ligados á súa vida, iremos coñecendo a biografía e traxectoria de Isaac Díaz Pardo, compostelán de nacemento e unha das figuras máis relevantes da nosa historia recente. A rúa das Hortas, a praza do Obradoiro, o Teatro Principal ou a galería Sargadelos son algúns destes espazos que gardan para a memoria da cidade un anaquiño de Isaac Díaz Pardo.
O roteiro terá lugar os días:
- Sábado 1 de agosto ás 19:30h
- Domingo 2 con dúas sesións: ás 12h e ás 19:30horas.
- Xoves 6 ás 19:30h.
- Venres 7 ás 19:30h.
O lugar de saída será á altura da rúa das Hortas número 37.
Para participar será preciso inscribirse previamente enviando un correo a paseos.compostela@maos.gal | Establécese un máximo de 15 persoas por sesión (o uso de máscara é obrigatorio).