‘A aldea desmedida’

A nosa cooperativa amiga, NUMAX, convidounos a comisariar unhas xornadas para a súa libraría, e así naceu ‘A Aldea Desmedida‘, que ten por obxectivo coñecer, entender e repensar o espazo e a cidade na que vivimos. Deseñamos un programa composto por catro conversas que se sucederán de abril a setembro:

Beatriz Busto e Encarna Otero
«A cidade lembrada: voces na construción da memoria urbana»
11 de abril de 2024 ás 20.30h
As compostelás Encarna Otero e Beatriz Busto farannos partícipes dun diálogo ao redor da construción da memoria da cidade desde diferentes perspectivas. Pasando polo cinema ou a literatura, atravesando o NO-DO ou a televisión, detectaremos determinados estereotipos que configuran e delimitan a (re)presentación actual de Compostela, e, por tanto, de nós.

Jorge Guitián e Claudia Polo
«A cidade comida: nutrirse en tempos de cemento»
23 de maio de 2024 ás 20.30h

Ninguén escapa ao “acto de comer”. A necesidade de nutrirse ou o simple desexo de degustar alimentos non entende de norte-sur global, non entende de xénero nin clase social, por iso “comer” fala do máis intrínseco da nosa humanidade, mesmo da nosa animalidade. As divulgadoras gastronómicas Jorge Guitián e Claudia Polo conversarán neste encontro sobre a posíbel aliaxe entre gastronomía e o consumo responsábel no marco dunha urbe como Santiago de Compostela coa capacidade revolucionaria e transformadora que reside na alimentación como pano de fondo.

María Otero Romaní e María Novas
«A cidade (de)construída: estruturas arquitectónicas e estruturas de poder»
11 de xullo de 2024 ás 20.30h

Este encontro propón unha mirada á historia de Compostela para abrir novas perspectivas e ampliar os límites da nosa memoria. Nesta conversa, entre a guía María Otero Romaní e a arquitecta María Novas deconstruirán e reconstruirán a cidade que habitamos desde unha perspectiva de xénero, onde as mulleres saen á conquista do espazo público, do que estiveron historicamente relegadas.

Fran Quiroga e Iago Carro
«A cidade que pode ser: participación e asociacionismo na imaxinación do futuro»
12 de setembro de 2024 ás 20.30h

A cidade é un espazo de contínua tensión entre o público e o privado, o individual e o colectivo, as administracións e a sociedade civil. Pero pode ser tamén un lugar de converxencia e convivencias destas polaridades? Podemos a cidadanía decidir que modelos de gobernanza queremos? Para escudriñar entre estas preguntas, contaremos con Fran Quiroga, investigador transdisciplinar que abordará os cruzamentos entre o activismo, a arte, a participación social e os comúns, e Iago Carro, arquitecto e investigador urbano de Ergosfera, cooperativa dedicada ao desenvolvemento de propostas urbanísticas e estudos sobre as formas de uso e urbanización do territorio contemporáneo.