Os grupos de consumo (I). Que son? Exemplos.

Consumir non é un acto neutro, é unha acción que repercute en moi diferentes niveis: na saúde, no ambiente, nas condicións de vida de quen produce, nos hábitos de consumo, nos prezos, e un longo etcétera. Facernos conscientes da importancia do noso consumo é un primeiro paso importantísimo se queremos mudar a forma de producir alimentos, de alimentarnos e de alimentar. Tanto consumir como producir son accións intimamente relacionadas, xa que ao consumir un produto estamos facendo unha escolla, apoiando un tipo específico de produción.

Se compro no supermercado un paquete de garavanzos non estou dándolle carta branca á compañía que o produce para facer o que queira, mais tampouco o contrario. Se lemos ben a letra pequena do paquete é moi posíbel que descubramos que eses garavanzos proveñen do outro lado do Atlántico e que, por tanto, tiveron que facer unha viaxe longuísima para a cal foi preciso usar moito petróleo. E como pode ser que eses garavanzos sexan máis baratos que os producidos de forma máis próxima? Que tipo de empresas e que tipo de condicións laborais están por detrás desa produción?

Neste último exemplo encontramos xa algunhas das claves que explican a multiplicación nas últimas décadas de pequenos grupos de consumo por todo o noso territorio: a vontade de saber máis sobre que consumimos, a súa orixe, como se produce, a quen apoiamos ao consumir ese produto, como o consumimos. Poderíamos engadir outro tipo de cuestións, como a cantidade de embalaxe utilizada, como á hora de decidir unha compra a intelixencia colectiva pode resultar unha axuda fronte ao consumo individualizado, a repercusión na nosa saúde dun consumo consciente, como mudar os nosos hábitos de consumo é máis importante para aforrar que o feito de comprar os produtos máis baratos, como a compra colectiva pode diminuír os prezos sen por iso restar dereitos a quen produce, etc.

Que é un grupo de consumo? A definición rápida podería ser: conxunto de persoas que se organizan para realizar compras conxuntas de produtos, normalmente de alimentación, aínda que tamén poden incluírse outros, como de hixiene ou de limpeza. Unha definición demorada podería descubrirnos a riqueza de variantes e posibilidades existentes de tipos de grupos de consumo. Un exemplo é que os grupos poden ou non incluír as propias persoas produtoras (prosumidoras). Nestes artigos centrarémonos nos grupos que teñen en común determinados valores: consumo responsábel, local e exclusivo ou maioritario de produtos ecolóxicos. [Sobre produtos ecolóxicos podes consultar o noso artigo: É ecolóxica esta mazá? Trucos para identificar produtos eco]

Que tipos de grupos de consumo hai? Existen unha grande variedade de tipos e formatos de grupos, a seguir tentaremos describir só algúns dos máis comúns baseándonos na ausencia ou presenza de formato legal:

    • Cooperativas. É un formato no cal podemos encontrar maior ou menor complexidade:
      • Con tenda. Neste caso poden acceder á tenda e comprar produtos todas as persoas, socias ou non da cooperativa. As socias normalmente teñen un desconto e poden participar activamente da vida interna da cooperativa, como asistir e participar nas asembleas internas. Exemplos: Árbore e Aldea, en Vigo, ou Panxea, en Compostela. (Merecen unha mención especial a xa disolvida A Xoaniña, no Ferrol.)
      • Con tenda só para persoas socias. Só as persoas socias da cooperativa poden comprar na tenda, a cal non está aberta para o público. Exemplo: Zocamiñoca, na Coruña.
    • Grupos sen formato legal (ou grupos informais). Este tipo é o máis frecuente debido á facilidade organizativa e á súa flexibilidade. Adoitan ser grupos reducidos de persoas que se autoorganizan para facer os pedidos e que non dispoñen de formato legal, en ocasións tampouco dispoñen de local propio nin de stock. Existen grupos que si dispoñen de forma legal (cooperativa ou asociación) mais que o seu funcionamento é idéntico ao dos grupos informais (caso de Eirado, en Compostela, agora en proceso de disolución como cooperativa e que continúa como grupo informal). Este tipo tamén adoita ser o habitual cando o grupo forma parte doutra organización maior (caso do grupo da PIC, en Compostela). Exemplos: Nabiza Ceibe+Fabas Lobas, dous grupos que se fusionaron en Compostela, A Gradicela, en Pontevedra, ou a Semente, en Ourense.

Os criterios de compra. A seguir ofrecemos unha pequena recompilación dos valores que máis frecuentemente se citan nas páxinas dos grupos de consumo:

  • Produtos locais e de temporada.
  • Produtos ecolóxicos (con selo, sen selo). A importancia da confianza con quen produce.
  • De pequenas produtoras (dar apoio sen xerar dependencia).
  • Pagar o prezo xusto.
  • Ter en conta as condicións laborais e a ética empresarial.
  • Favorecer a compra de produtos que requiran pouca embalaxe.
  • A compra ou non de carne, peixe e/ou lácteos.

Exemplos de organización interna. Imos describir a seguir algúns exemplos diferentes para a xestión de grupos de consumo, aínda que nos centraremos no caso dos grupos informais:

  • As cooperativas: Teñan ou non tenda aberta ao público, o máis habitual é que exista a figura da persoa liberada ou contratada, que cobra por organizar ou xestionar parte do traballo, sendo que en ocasións se completa ese traballo remunerado co voluntario por parte doutras persoas socias. A existencia desta persoa ou persoas traballadoras implica un gasto económico para a cooperativa que normalmente deriva no incremento do prezo dos produtos ou da contía que debe pór cada persoa asociada na cooperativa (capital social inicial, cotas anuais, etc.).
  • Os grupos informais. A variabilidade é grande, aínda que podemos encontrar en xeral dous formatos básicos: aquel no que o traballo é rotatorio e aquel no que hai unha ou varias persoas que sempre se encargan da organización dos pedidos e/ou da repartición. Vexamos un par de exemplos:
    • Exemplo 1. Grupo que fai pedidos cada dúas semanas, sempre ou case sempre ás mesmas produtoras e os mesmos tipos de produtos básicos (verduras, froitas, ovos, lácteos e pan), facendo pedidos puntuais doutros produtos (por exemplo, aceite dúas veces ao ano). Este grupo organízase en unidades de consumo (ou casas, ou familias) e cada pedido xestiónao unha desas unidades de forma rotatoria (de forma que cada unidade só ten que organizar un pedido cada tres meses, por exemplo, dependendo do número total de unidades que haxa no grupo). As produtoras envían a lista de produtos cada segunda feira/luns e as unidades teñen até a cuarta feira/mércores para facer o pedido nun documento compartido online (por exemplo, no Google Drive). Esa mesma cuarta feira envíase ese documento á produtora para que prepare os produtos e ao día seguinte os leve ao local onde se fai a repartición (un local social, por exemplo). A unidade de consumo responsábel por organizar ese pedido ten que ocuparse de recibir e distribuír os produtos, cobralos e pagalos. O pagamento é sobre o pedido anterior, é dicir, a produtora cobra ese día o que entregou no pedido anterior.
    • Exemplo 2. Parecido ao anterior, só que os pedidos son semanais e só piden frescos en formato cesta, é dicir, non poden escoller os produtos que van na cesta, pagan un fixo de 8€ e a persoa produtora enche a cesta con produtos frescos propios por ese valor.
    • Exemplo 3. Formas parte dunha cooperativa e hai persoas traballadoras contratadas que fan todo o traballo excepto tomar decisións, o cal se fai na asemblea mensual á cal podes asistir. Ti simplemente recolles o teu pedido na tenda o día definido ou compras o que precises calquera día.

Esta é a primeira entrega dunha serie de artigos sobre grupos de consumo. Na seguinte entrega damos pistas e suxestións para axudarvos a organizar o voso propio grupo de consumo e incluímos un mapa colaborativo de grupos de consumo galegos.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *