Sen-título-1024x583

Escoitar a historia de vida e loita das mulleres a través a súa propia voz é un pracer ao que temos acceso grazas ao traballo das persoas dedicadas ao audiovisual. Recompilamos unha serie de documentais que teñen como protagonistas a mulleres galegas: leiteiras, contrabandistas, nais, nenas… Un bo recurso para aproveitar o tempo sen saír da casa.

Coñeces máis documentais de interese ou encontraches algún erro? Non dubides en comunicárnolo vía email, maos@maos.gal, ou a través das nosas redes sociais. Obrigadas!
 
  • Doli doli doli… coas conserveiras. Rexistro de Traballo

En 1989, perto de cen mulleres, catro delas en folga de fame, pecháronse na fábrica de Odosa, na Illa de Arousa, como protesta ao peche inminente da fábrica conserveira. En 2010, Uqui Permui realiza este documental baseado no material gráfico que as traballadoras grabaron durante o seu encerro.

  • As regateiras de Bueu

A relación da muller galega co mar é incuestionable: maricadoras, redeiras e pescantinas son algáns dos oficios que tradicionalmente desempeñaron e aínda desempeñan as mulleres das zonas costeiras.  No ano 2014 co gallo do Día da Muller Traballadora, o concello de Bueu homenaxeou a figura das regateiras coa creación desta peza audiovisual. Na mesma páxina pódense ver documentais sobre emigradas e conserveiras, entre outros temas.

  • Polas Bravas!

Como viven e que senten as mulleres que traballan no rural ourensán? Esta é a cuestión á que dá resposta o documental Polas Bravas! O vídeo é un reflexo tamén dos diferentes xeitos de gañar a vida no campo: desde a agricultura até a creación de leite de burra, mel ou pan. Este traballo da Asociación Avinza ten como protagonistas a seis mulleres que residen en concellos da Reserva da Biosfera Área da Allariz.

  • A Fábrica

Antes de ser un solar en ruínas, a fábrica de punto Maperlán, de Boiro, foi o lugar de traballo de moitas mulleres que lograron así a independencia económica nunha época difícil. Esta curtametraxe de Marcos Nine foi gañadora do premio á mellor curtametraxe documental na V Edición do Festival Internacional On & Off de Ribadeo e obtivo o segundo premio da II Edición do Festival Galego de Curtas de Sada en 2009.

  • Miña nai, a parteira de Ponte Sampaio

Este pequeno vídeo é imprescindible; relata a vida da parteira de Ponte Sampaio, Isolina da Reguiña: como chegou a aprender o oficio, a relación coa veciñanza e cos doutores… O vídeo foi feito e relatado pola súa filla a través do proxecto Memoria de Muller.

  • Leiteiras de Ermelo

Vídeo homenaxe ao labor das leitieras de Ermelo ao longo dos anos. Neste lugar situado no alto de Bueu, no interior da parroquia, as mulleres dedicáronse tradicionalmente ao coidado do gando e ao comercio do leite. Recóllese neste vídeo a memoria dalgunhas das últimas leiteiras.

  • Ouro Negro

Durante boa parte do franquismo, a Brea (Fontao, Vila de Cruces) foi unha das grandes minas de volframio activas a nivel mundial. Ás mulleres non se lles permitía traballar nas galerías nin na fábrica, mais foron contratadas pola empresa concesionaria para facer traballos auxiliares como lavado e separación do mineral. Ademais, moitas delas colaboraron nas redes de estraperlo do mineral e participaron activamente na vida da vila que se medrou ao redor da mina. Este audiovisual producido polo Consello da Cultura Galega e dirixido por Encarna Otero recolle o testemuño dalgunhas destas mulleres.

  • Mulleres da raia

Unha viaxe da man de Diana Gonçalves ás fronteiras do norte de Portugal e Galiza lévanos ao contrabando local e á emigración clandestina. A raia, como popularmente é coñecida a fronteira, garda unha historia de loita diaria pola supervivencia e as súas mulleres son testemuñas.

  • Digna rabia

Testemuño sobre a vida das mulleres galegas durante o período franquista, dirixido por María Victoria Martins Rodríguez e Ángel Rodríguez Gallardo no que distintas xeracións reflexionan sobre o impacto que tivo o franquismo nas súas vidas: como se enfrontaron con el, como sobreviviron, onde traballaron, como responderon á desigualdade, á reclusión doméstica, á sumisión, á violencia de xénero e ás dificultades para se instruír.

  •  Silenciadas

Un documental sobre a loita de moitas mulleres en Galiza contra a violencia e a represión da ditadura de Franco após a Guerra Civil española. Este audiovual dirixido por Pablo Ces Marco, con guión de Aurora Marco, foi recoñecido en 2013 co premio “Popular” no Festival Internacional de Cine Documental online Humanity Explored. (Obrigadas a Beatriz por nolo achegar)

 
  • Señora de

Documental de Patricia Ferreira no que se recollen testemuños dun amplo espectro de mulleres de diferentes clases sociais e con diferentes tipos de educación: mulleres da cidade e do campo, do mar e de terra dentro, que falan por primeira vez e reflexionan sobre o que foi a súa vida. (Obrigadas a Móllate coa lingua por nolo achegar)