Blog

Proxecto de MAOS premiado co Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia

Estamos encantadas de anunciar que o noso proxecto “Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza” recibiu un dos vinte premios do Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia da área de cultura da Deputación da Coruña.

A nosa proposta consiste na difusión de láminas creadas por cinco ilustradoras galegas, presentando estéticas e estilos diferentes, pondo en valor o seu traballo e achegando a través da arte a súa visión de dez mulleres protagonistas do Reino de Galiza, en moitas ocasións inxustamente secundarizadas. As ilustracións estarán acompañadas no seu reverso de textos con contidos sinxelos, claros e dinámicos, cos que achegar á poboación esta parte esvaída da historia galega.

Estas ilustracións, reunidas nun cartafol, serán distribuídas nunha única entrega a finais de setembro de 2022 por medio do xornal Nós Diario. Poderán solicitarse mediante a colección duns cupóns distribuídos nos días anteriores co propio xornal. As láminas son gratuítas, mais, por razóns dos custos de distribución, o prezo final será de 2€ por cartafol. A tiraxe é limitada, de 500 exemplares. Ficade atent@s!