O proxecto “Compostela en conflito” preséntase como un achegamento a eventos históricos escasamente coñecidos e comprendidos en Santiago de Compostela, cun enfoque divulgativo. A iniciativa está liderada por Maos, en colaboración con Xosé Antón G. Serén (editor e investigador), Marga Tojo (xornalista, escritora e comunicadora) e Verónica Ramillo (traballadora social, sexóloga, fotógrafa e facilitadora de grupos), e conta co financiamento da Deputación da Coruña.

A historia da humanidade é, sen dúbida, a historia do conflito. Negalo é ignorar a realidade. Coñecer a historia dos conflitos que deron forma á cidade ofrece unha oportunidade única para comprender o presente e a identidade que compartimos. Ademais, “Compostela en conflito”, ofrece unha visión dos desenlaces positivos que tamén forman parte deste tecido histórico.

A primeira actividade que se realizará no marco da proposta é o paseo “A Inquisición e Compostela”, guiado e deseñado por Maos e Xosé Antón G. Serén. Este paseo busca proporcionar unha experiencia inmersa e informativa, destacando aspectos salientables que conformaron a rica historia da cidade.

O paseo ‘A Inquisición e Compostela’

Neste paseo percorrerase a historia do Santo Oficio na nosa cidade, desde a súa instauración en 1574 até a súa extinción definitiva en 1834. Visitaranse os lugares que ocuparon as súas dúas sedes compostelás, así como outros espazos relacionados cunha institución determinante para comprender parte da nosa historia e dos conflitos que a percorren.

Celebraranse tres sesións, cunha duración aproximada de dúas horas, onde se pretende ofrecer, non só unha experiencia informativa, senón tamén unha oportunidade para reflexionar sobre os desenlaces destes conflitos e como eles contribuíron á formación da identidade de Compostela.

Con esta iniciativa compártese o coñecemento da historia local, a estimulación do pensamento crítico e a conexión emocional co pasado da cidade.

Información sobre o paseo

Sesións:

-> Sábado, 16 de decembro, con sesións de mañá ás 12:00 e de tarde ás 19:00.

-> Domingo, 17 de decembro, ás 12:00.

Prazas limitadas: Paseos gratuítos con inscrición previa obrigatoria en: https://i.gal/Inquisicion (até o día 15/12/23)

Deixar unha resposta