Xornadas deseñadas e organizadas para a Concellaría de Economía Social e Emprego do Concello da Coruña en marzo de 2016 en parzaría MAOS Innovación Social e a asociación catalá Opcions (Consumo e Estilos de Vida Transformadores), que edita a revista do mesmo nome e que actualmente está a elaborar o “Plan de impulso do consumo responsable” para o Comisionado de comercio, consumo e mercados do Concello de Barcelona. Para todo o traballo contamos coa participación de Marcial Blanco (cooperativa Zocamiñoca).

As xornadas estiveron divididas en tres actos e un mercado, os catro realizáronse no Mercado Municipal de San Agustín:

  • O mércores 9 abriu as xornadas Isidro Jiménez coa charla “A sociedade de consumo, consómenos?”. Isidro foi un dos fundadores do proxecto ConsumeHastaMorir, que naceu ao abrigo da asociación Ecoloxistas en Acción, traballa no campo da comunicación social e participa en varias investigacións sobre a lexitimidade social da publicidade. É coautor de varios artigos, publicacións e libros como Contrapublicidad (Libros en Acción, 2009) y El negocio de la responsabilidad (Icaria, 2009).
  • O luns 14 deuse un debate aberto co título “Que modelo de consumo queremos para a nosa cidade?” para o cal convocamos a todo tipo de entidades e persoas consumidoras, produtoras e comerciantes. O obxectivo deste debate foi abrir un diálogo e intercambio de ideas sobre a situación dos dereitos das persoas consumidoras, sobre o consumo en xeral e introducir aspectos da “nova cultura de consumo”.
  • O martes 15 organizouse de 11h a 20h un mercado que chamamos da #NovaCulturadoConsumo e que suma ao de produtos ecolóxicos e locais xa presente no mercado todos os martes unha serie de postos informativos sobre diferentes alternativas de consumo e economía social. Para rematar, ese mesmo día 15 ás 20h contouse coa presenza de Toni Lodeiro, membro de Opcions e autor do libro “Consumir menos, vivir mejor”, quen nos trouxo o seu obradoiro “Consumo consciente para vivir mellor? 1001 dúbidas e unha chea de ideas prácticas”.