O 17 de maio MAOS organizou un paseo-recital e un concerto en homenaxe a Manuel María polo Día das Letras Galegas de 2016 para o Concello de Santiago. A homenaxe centrouse na relación do autor con Santiago de Compostela a través da súa obra “Poemas a Compostela”.

O paseo comezou ás 17h na Praza do Obradoiro, baixo os soportais do Pazo de Raxoi, cunha presentación da concelleira Branca Novoneyra na cal abordou aqueles aspectos da vida de Manuel María que o relacionan con Compostela. Foi a partir dese momento que diferentes persoas da cultura compostelá e do público recitaron os 14 poemas de “Poemas a Compostela”, libro escrito polo autor en 1952. A recitación dividiuse en tres espazos relacionados directa ou indirectamente coa obra: a Praza do Obradoiro, a Praza da Quintana e a Praza de San Martiño Pinario. O acto pechouse nesta última praza ás 18h cun breve concerto de García MC baseado en obras de poetas galegos/as, entre as cales se encontraba un poema de Manuel María, “Home”.

O acto guiouno Comba Campoy, e contou coa colaboración especial de Lara Rozados Lorenzo, Manuel Portas, Laureano Araúxo, Olalla Cociña Lozano, Rosalía Fernández Rial, Montse Dopico González e Miro Villar, ademais de con todas as persoas que se achegaron voluntariamente para recitar e pasear.