MAOS coordinou nos meses de marzo a xuño de 2015 a Feira Come Ourense, creada polo Concello de Ourense a través da súa iniciativa Come Ourense, co obxectivo de promover os produtos locais de alimentación, tanto frescos como elaborados. A feira, de carácter mensual e itinerante, realizouse en diferentes lugares do concello.

A primeira feira foi na Praza Maior o sábado 28 de marzo, a segunda foi na Ponte Romana o 25 de abril, a terceira o 23 de maio na Rúa Salvador Dalí, e a cuarta o 6 de xuño na Praza Maior, as catro de 10 a 14h.

Para reforzar o carácter local das feiras, á hora de xestionar as solicitudes de colocación de posto, establecéronse dous criterios básicos. O primeiro ordena por prioridade as solicitudes segundo a procedencia das persoas ou empresas solicitantes: 1) persoas ou empresas do Concello de Ourense, 2) as da provincia, 3) de fóra da provincia. E o segundo ordena as solicitudes dentro de cada un dos grupos anteriores segundo o tipo de venda: 1) venda directa (neste caso, quen venda polo menos un 60% de produtos de elaboración propia), 2) revenda ou outros. A misión destes criterios é facilitar a participación na feira de postos a persoas ou empresas produtoras locais. Pódense consultar en http://qr.net/normasfeira as normas de participación e adhesión.

A Feira Come Ourense foi unha iniciativa do proxecto COME OURENSE de fomento da sustentabilidade alimentar local da cidade de Ourense dentro do proxecto URBACT “Sustainable Food in urban communities”. Ourense é parte desde 2012 dunha rede europea xunto con Bruxelas, Atenas, Oslo, Goteborg, Lyon, Bristol, Messina, Amersfoot e Vaslui.

Deixar unha resposta