Exposición polo centenario das Irmandades da Fala

,
2016
Concello de Santiago

O día 18 de maio de 2016 inaugurouse nas rúas de Compostela unha exposición, creada por MAOS Innovación Social coa colaboración do editor Xosé Antón González Serén e o deseño de Miguel Durán, para o Concello de Santiago, sobre as Irmandades da Fala con motivo do seu centenario. Neste mesmo día do ano 1916 constituíase na cidade da Coruña a primeira Irmandade de Amigos da Fala de Galicia. Pouco tempo despois, o 28 dese mesmo mes, nace a Irmandade da Fala de Santiago de Compostela.

A exposición localizouse en catro dos quioscos Cogami da cidade, en concreto nos que se sitúan na Alameda, na Praza de Vigo, en Xoán XXIII e na rúa Bernardo Barreiro de Vázquez Varela, no barrio de Sar. Esta diversidade de puntos de información buscou facilitar o achegamento do maior número posible de persoas á mostra.

Con esta exposición quérese contribuír á difusión do labor realizado por aquelas persoas que integraron as Irmandades da Fala e dar a coñecer a importancia que tiveron na época en que xorden e tamén na actualidade, como herdeiros e herdeiras do seu legado. No seu deseño combináronse textos explicativos breves con imaxes e abordáronse temáticas como a orixe e o contexto, o ideario político e cultural, as etapas que a caracterizan, as persoas máis relevantes, a presenza das mulleres, a importancia do seu voceiro (A Nosa Terra), a relación coa emigración ou o seu legado, entre outras cuestións.