Desde Maos lanzamos en decembro de 2022 unha iniciativa propia, en colaboración co guía profesional Xosé Antón G. Serén: o ciclo de roteiros ‘Historia das nosas rúas’. A actividade consiste nun roteiro para coñecer a historia dunha rúa compostelá, sendo as Casas Reais a escollida para a primeira edición. Cada roteiro terá versión online e física.
Este proxecto conta co financiamento do Concello de Santiago de Compostela a través das axudas de apoio a actividades culturais para o sector profesional 2022.
Casas Reais
Na primeira edición fixemos tres sesións guiadas, os días 14, 21 e 22 de decembro. A versión guiada constou primeiro de unha hora de percorrido histórico e despois de entre 15 e 30 minutos de intervención do público coas súas experiencias e curiosidades. O enfoque é o de tratamento da historia a partir do exemplo dunha rúa, nunha viaxe diacrónica, plasmando contidos como: a denominación da rúa, a súa evolución desde a orixe e as diversas etapas, a fisionomía da rúa e como se configurou historicamente até á actualidade, destacando os diferentes estilos artísticos, percorréronse as principais achegas urbanísticas principais e detalláronse anécdotas e personaxes que lle deron vida. A abordaxe foi didáctica pensando nun público xeral, mais mantendo sempre o rigor histórico. Tratouse a historia da rúa cun enfoque multidimensional: histórico, urbanístico, artístico, político, económico, social e da vida cotiá.