Desde finais do ano 2013, MAOS formamos parte do proxecto A memoria das mulleres do Concello de Pontevedra que “nace coa finalidade de construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra.“.

MAOS desenvolve as actividades relacionadas coa sección de Traballadoras, documentando a través do traballo de campo as historias das traballadoras do mar, da terra, do ámbito urbano e tamén das súas loitas.

1025774_884725301648725_2036522826949065395_o

Dentro deste programa, publicouse o libro Do Gris ao Violeta, catálogo da exposición do mesmo nome e no cal participou MAOS coa publicación do artigo: “Traballadoras. Termando da terra, do ceo e do mar.”

Cinco anos despois do inicio do programa, o Concello de Pontevedra decidiu dar un paso máis e crear a web DoGrisAoVioleta.gal, na cal se quere recoller boa parte do traballo realizado e socializalo de forma accesible e ordenada segundo os seus tres eixos temáticos básicos: Traballadoras, Represaliadas e resistentes e Creadoras e pioneiras.

Cúmprense así dous dos obxectivos principais do programa: “Elaborar unha enciclopedia virtual sobre as vidas das mulleres do noso concello ao longo dos tempos, procurando a visibilización das mulleres en xeral e atendendo de modo específico ás clases traballadoras“ e “Empregar as tecnoloxías da comunicación para divulgar os materiais e recursos dispoñíbeis“.

En MAOS recibimos con moita emoción a encarga de crear esta web. Para o seu deseño traballamos sobre a estética do programa, creada por OVO publicidade, e contamos co bo facer e experiencia do deseñador web Adrián Arcay. Os contidos son produto dos cinco anos de proxecto e resultado, en grande medida, do traballo de Montse Fajardo, de Etnoga, de María Xesús Escudeiro e de MAOS.

A web está en permanente actualización, xa que o material xerado ao longo destes anos é inxente e moito fica por subir… E máis que virá!

Agradecemos ao Concello de Pontevedra, e sobre todo a Luís Bará, a confianza depositada en nós. Toda unha responsabilidade e un grande orgullo poder participar na salvagarda da memoria das mulleres.