Blog

Patrimonio e participación

Son moitas as iniciativas que están a traballar no ámbito do patrimonio en Galiza e moitas as que buscan novas formas de comunicación coa poboación á procura dunha maior conxunción entre o patrimonio e as persoas que o habitan ou gozan. A poboación e a participación convértense no eixo central destas iniciativas e á investigación científica acompáñaa un discurso accesible e adaptado a diferentes públicos.

Dúas destas iniciativas están a converterse en completos catálogos de bens, de fácil consulta e acceso, e que se amplían coa achega das persoas que o desexen:

  • Patrimonio Galego: plataforma web coa que se pretende crear o primeiro Catálogo Social do Patrimonio galego de bens culturais e do seu estado de conservación grazas ás achegas de profesionais e persoas afeccionadas. Con esta plataforma búscase unha alternativa ás dificultades de acceso e consulta dos catálogos de bens. Neste momento supera as 6.000 fichas. Na páxina podes consultar como podes participar e contribuír a aumentar o número de fichas.
  • Tesouros do Tempo: iniciativa da Concellaría de Patrimonio Histórico do concello de Pontevedra para a proxección, conservación, catalogación e divulgación dos bens culturais deste concello. Nace cunha manifesta vocación participativa e colectiva. Ao rexistrarse na páxina podes enviar material dos bens recollidos no catálogo da páxina. Ademais do catálogo, ofrece información de roteiros e conta cunha sección de novas.

No ámbito da arqueoloxía tamén se están a realizar grandes esforzos por crear un discurso paralelo ao discurso científico que faga máis accesible a arqueoloxía ás persoas interesadas e non profesionais. Algúns exemplos deste enfoque son:

  • Proxecto Torre dos Mouros: o equipo científico desta escavación estivo acompañado en todo o proceso por un equipo de comunicación. O obxectivo era conseguir distintos formatos narrativos adaptados ás necesidades dos diferentes soportes de difusión: web, redes e multimedia que transmitan unha mensaxe comprensible para un público diverso. Ademais deste esforzo comunicativo, o proxecto ofrecía outras posibilidades de participación: obradoiro pedagóxicos, barferencias (conferencias nos bares), visitas guiadas e voluntariado.
  • Castro de Mallou: intervención arqueolóxica pública que incorpora a cidadanía como axente real na escavación. As persoas que participaban como voluntarias neste proxecto recibían formación específica antes de realizar os traballos no castro e tiñan atribuídas tarefas seguras para o sitio arqueolóxico. [A foto destacada neste artigo pertence a este proxecto e foi extraída da súa web.]
  • Salcedo no tempo: proxecto de investigación e divulgación multidisciplinar que comprende os aspectos históricos, arqueolóxicos e antropolóxicos relacionados co castro e a contorna. Destaca o labor en prol de afianzar a relación da comunidade local co espazo e búscase a participación da comunidade de Salcedo e da comunidade escolar da contorna, con visitas guiadas ao xacemento.