Blog

Os grupos de consumo (II). Suxestións para organizar un grupo de consumo.

Este artigo é útil para quen lera a nosa anterior entrega (aquí) e aínda así queira organizar un grupo de consumo. Tentaremos dar a seguir algunhas suxestións chegadas da nosa experiencia ou da de persoas próximas (o cal non implica que sexan sempre útiles, cada caso é un mundo).

  • Que hai xa? Rebuscade ao voso redor: hai algún grupo funcionando perto de vós? Unídevos! [Ao final deste artigo tes un mapa.]
  • Facer grupo. Se o anterior non funciona: falade con outras persoas que poidan ter as vosas mesmas necesidades-inquietudes. Ter en conta:
    • Cantas persoas? Se queredes ser un grupo informal (este artigo céntrase nesa opción), recoméndase unha cifra entre 8 e 15 unidades de consumo, xa que ser demasiado poucas pode resultar pouco rendíbel para quen vos leve os produtos ou para vós se tendes que repartir entre vós os custos de envío. É mellor ser dous grupos de 10 que un de 20 unidades, por que? Porque vai ser moito máis fácil de xestionar un grupo pequeno que un grande e será máis fácil encontrar produtoras locais que poidan subministrarvos a cantidade que solicitedes sendo poucas que moitas. Pensade que se poden organizar pedidos conxuntos entre varios grupos cando haxa que pedir un produto concreto para o cal se esixe un pedido mínimo ou para repartir máis os custos de envío. A máxima é: colaborar, non competir! As persoas que formedes parte do grupo é recomendábel que vivades máis ou menos perto unhas de outras: pensade en canto vos teredes que desprazar para recoller os produtos!

Que é unha unidade de consumo? Máis abranxente que casa ou familia, esta expresión describe un conxunto de persoas que fan os pedidos xuntas: unha persoa, unha parella, un grupo de colegas, etc. As unidades non deben ser moi numerosas (1 a 3 persoas), xa que os seus pedidos poderían desestabilizar o grupo (ter poucas unidades e moi numerosas é o mesmo que un grupo de moitas unidades).

  • Definirse colectivamente. Na primeira reunión, á parte de vos presentar, talvez sería boa idea definir conxuntamente como se vai organizar o grupo, os criterios de compra, etc. Aquí tendes unha lista de posíbeis asuntos a definir:
    • Que tipo de produtos queredes pedir? Dous casos frecuentes que se poden encontrar neste punto:
      • Os pedidos serán vexetarianos ou veganos? Incluiranse lácteos, ovos, peixe e/ou carne?
      • Os produtos serán ecolóxicos? Se é que si: incluiranse só aqueles con selo do CRAEGA ou tamén aqueles sen selo mais que sexan producidos de forma ecolóxica? [Para este e outros puntos pode axudarvos o noso artigo É ecolóxica esta mazá? Trucos para identificar produtos eco ou este outro publicado na moi recomendábel web de Opcions: Soy precaria y como ecológico]
    • A quen lle ides pedir? Apostades por persoas que teñan producións pequenas e locais e pedides sempre a elas (podedes ter unha ou varias para diferentes produtos, por exemplo) ou procurades unha distribuidora que vos subministre todos os produtos? Seguindo a lóxica proposta até o de agora, recomendamos apoiar co voso consumo iniciativas locais, pequenas, e estabelecer unha relación de confianza, visitar a súa explotación, etc., o cal é unha forma tamén de evitar intermediarias, que nos distancian do coñecemento e contacto directos sobre os xeitos de producir e de quen produce, e que moitas veces incrementan os prezos finais.
    • Que produtos en concreto queredes pedir? Exemplos: Hai grupos que só piden produtos frescos (verduras e froita, ás veces incluíndo tamén ovos e leite) e outros que só piden aceite, pasta, arroz, etc. Se pedides produtos frescos é probábel que encontredes dúas opcións principais:
      • Cesta aberta. Cada unidade de consumo pode escoller os produtos que van no seu pedido de produtos frescos. É máis complexo á hora de repartir as cestas, xa que todas serán diferentes e haberá que ter coidado de que cada persoa recolle a súa, e os prezos tamén variarán.
      • Cesta pechada. A persoa produtora enche a cesta (ou bolsa ou saco) até o prezo que lle indiquedes (8€ ou 10€ por exemplo) cos produtos de temporada de que dispoña esa semana na súa explotación. Facilita a repartición e o pagamento mais podes acabar tendo na casa produtos que non queres (neste caso sempre podes tentar facer unha troca con outra persoas).
      • Existen moitas outras opcións, máis ou menos complexas e algunha máis solidaria con quen produce os alimentos (pagando por exemplo unha cota mensualmente e repartides os produtos entre vós, garantindo así a quen produce uns ingresos fixos cada mes, mesmo nos meses de verán que é cando os grupos adoitan non pedir nada, neste caso pagaríase igual a cota por solidariedade).
    • Cada canto tempo serán os pedidos? Moitos grupos fan os pedidos cada quince días, outros semanalmente…
    • Que día da semana, a que hora e onde se fai a repartición? Isto é un básico, polo cal é bo decidilo entre todas as persoas do grupo para que se adecúe ás vosas necesidades tanto o día da semana, como a hora e o local de recollida. Ese local pode ser calquera ao que teñades fácil acceso: un centro social, o garaxe dunha casa, etc. O importante é ter en conta se ides ter stock ou non, ou sexa, se de cada pedido van sobrar produtos que hai que almacenar para que a xente vaia comprando á medida que os precisan. Se tendes que pagar un alugueiro xa a cousa sae máis cara e igual tendes que pagar cotas… Ah, e tende en conta que no local onde se faga a repartición ou onde se almacenen os produtos até ese momento poden facer falta dous elementos importantes: unha neveira (para o leite fresco, por exemplo) e unha pesa (para cando teñades que repartir produtos comprados a granel).
    • Como nos repartimos o traballo? Entre outras cuestións sería bo decidir:
      • Se todas as responsabilidades seguintes van ser rotativas (moi recomendábel xa que ao final algo de traballo dá ter un grupo de consumo, mellor repartir esforzos, o cal axuda a manter o equilibrio nas responsabilidades, no saber facer as cousas e o bo ambiente).
      • Quen procura persoas produtoras locais que vos poidan servir os pedidos. [Onde procurar? Os contactos poden recollerse nun mercado local, en tendas ecolóxicas, ou mesmo na lista de produtoras da web do CRAEGA].
      • Quen contacta con elas para facer os pedidos.
      • Quen as recibe no local determinado para que entreguen os pedidos.
      • Quen se encarga de facer a repartición e de pagar á produtora.
    • Como se van facer os pagamentos á produtora e entre vós (se alguén adianta cartos, etc.)? É frecuente evitas as transferencias bancarias e pagar en man un pedido ao entregar o seguinte.
    • Cal é o sistema que ides utilizar para dicir o que quere pedir cada unidade de consumo? Exemplos: folla de cálculo online, formulario online, por correo electrónico (non recomendábel, podedes acabar con moitos correos na vosa caixa de entrada), ao recoller un pedido anótase nunha folla de papel o que se quere para o seguinte (isto só funciona ben cando se pide pouca variedade de produtos), etc. Resulta moi conveniente marcar datas límite para realizar os pedidos, para pagalos, etc.

A definición é moi importante e recoméndase facela antes de decidir se ter un formato legal (cooperativa, asociación) ou non (grupo informal, que non ilegal, vós consumides, non producides nin vendedes a terceiras persoas). Neste artigo centrámonos no grupo informal porque se adapta a moitas situacións (mesmo pode funcionar a pequena escala dentro de entidades maiores) e dá menos traballo en xeral.

  • Facer un pedido de proba. É bo non chegar á agonía organizativa, ás veces é mellor facer un primeiro pedido de proba a ver como vai e xa se irá axustando todo aos poucos. É moi importante non facer sete mil reunións previas de definición. Son moitas cousas as que dixemos antes que estaría ben decidir, mais é realmente importante manter un espírito positivo e aberto para que o grupo dure no tempo.
  • Coidade o grupo. O punto anterior vai un pouco por salientar unha cuestión que na nosa pequena experiencia é fundamental: coidar o grupo, que todo o mundo opine e escoite, mesmo facendo encontros diferentes (en Eirado con maior ou menos éxito faciamos merendolas, por exemplo). Outra idea que nos parece fundamental é a de colaborar con outros grupos de consumo, non só para facer pedidos conxuntos, se non tamén para intercambiar experiencias e información.

Aquí tes un mapa colaborativo e aberto que contén algúns dos grupos e cooperativas de consumo responsábel de Galiza: