Blog

MAOS pon en marcha o ciclo de roteiros ‘Historia das nosas rúas’

Desde MAOS lanzamos este decembro unha iniciativa propia, en colaboración co guía profesional Xosé Antón G. Serén: o ciclo de roteiros ‘Historia das nosas rúas’! A actividade consiste nun roteiro para coñecer a historia dunha rúa compostelá, sendo as Casas Reais a escollida para esta edición.

O roteiro terá versión online e física, realizándose os días 14, 21 e 22 de decembro tres sesións guiadas. A versión guiada constará primeiro de unha hora de percorrido histórico e despois de entre 15 e 30 minutos de intervención do público coas súas experiencias e curiosidades. O enfoque é o de tratamento da historia a partir do exemplo dunha rúa, nunha viaxe diacrónica, plasmando contidos como: a denominación da rúa, a súa evolución desde a orixe e as diversas etapas, a fisionomía da rúa e como se configurou historicamente até á actualidade, destacaremos os diferentes estilos artísticos, percorreranse as principais achegas urbanísticas principais e detallaremos anécdotas e personaxes que lle deron vida. A abordaxe será didáctica pensando nun público xeral, mais mantendo sempre o rigor histórico. Trataremos a historia da rúa cun enfoque multidimensional: histórico, urbanístico, artístico, político, económico, social e da vida cotiá.

Quen? Cando? As sesións guiadas serán os días 14, 21 e 22 de decembro ás 19 horas, baixo inscrición previa e cun custo de 3€/persoa. Serán guiadas polo guía profesional Xosé Antón G. Serén, co apoio de MAOS.

E como? A inscrición faise por correo en paseos.compostela@maos.gal ou chamando ao 694474166 (de 8h a 13h) – até o día antes de cada roteiro -, indicando nome, teléfono, que día se queres asistir e o nº de prazas.

Cóbrase 3€ por persoa, que se pagan en man antes de cada sesión.

Crearase tamén unha versión online do roteiro que estará albergada en aberto nunha sección da web www.maos.gal dedicada a reunir os mapas das diferentes edicións que se realicen e que será enviada ás persoas asistentes, xunto cunha avaliación, despois da cada sesión.

As fotografías dos carteis deseñados para o paseo polas Casas Reais son obra de Ruth Matilda Anderson.

Bibliografía principal de historia dunha rúa: Casas Reais. Por orde cronolóxica do período estudado:

  • Compostela, una historia entretenida. Atlas histórico ilustrado de la ciudad de Santiago, Simón Vicente e José Luis Prado, José Luis Serrano (ilustrado), Consorcio de Santiago, 2010.
  • Hª da cidade de Santiago de Compostela (E. Portela, ed), Concello de Santiago/Consorcio de Santiago/Universidade de Santiago, 2003.
  • A cerca da cidade, Matilde González e Javier Luaces, Concello de Santiago, 2009.
  • Picheleiros : un percorrido polas rúas e a historia de Compostela a través da vida cotiá dos veciños, Mercedes Pintos, Positivas-Consorcio de Santiago, 2014.
  • La Sede de la Real Audiencia de Santiago. Cinco siglos de historia urbana, Elías Cueto e Sagrario Abelleira, Patrimonio de Compostela, 2016, ademais do seu blogue: https://realaudienciadegalicia.wordpress.com
  • Unha historia urbana: Compostela 1595-1780, Andrés Rosende, Nigratrea, 2004.
  • Compostela, 1780-1907: Una aproximación a la ciudad decimonónica, Andrés Rosende, Teófilo Edicións, 2013.
  • El urbanismo en Santiago de Compostela en el siglo XIX, Mª Pilar Cores Trasmonte, USC, 1962.