Blog

MAOS lanza o ‘Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza’

[Extra: Entrevista a Zaira Caamaño no Nós Diario]

Após meses de investigación, estudo e traballo MAOS publicamos o ‘Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza‘, que pretende pór en valor a historia medieval galega e contribuír á socialización deste período para combater a desmemoria e o esquecemento sobre a historia do país. Trátase dun dos 20 proxectos premiados no certame Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2021-22 da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Esta proposta, deseñada por MAOS, é un proxecto divulgativo, creado baixo o obxectivo de dar a coñecer a historia e o pasado de Galiza a través da arte e con perspectiva de xénero.

Estamos ante un cartafol con dez láminas no seu interior, que versarán sobre diferentes episodios do pasado medieval do país, cuxos momentos históricos seleccionados xiran ao redor da figura de diferentes mulleres destacadas do medievo galego: Ilduara Eiriz, Sancha I, Dona Urraca, Lupa Pérez de Traba, Tareixa Alfonsez, Maior Guntroda Rodríguez, Sancha II, Aldonça I, Inés Pires de Castro, María Castaña e María, a Balteira.

Estas láminas estarán ilustradas por diferentes artistas galegas, achegándonos á historia a través da arte e, en varios casos, pondo cara por primeira vez a moitas destas mulleres. Ademais, contarán no seu reverso con textos biográficos sobre os acontecementos máis relevantes da vida de cada unha das protagonistas, correspondentes á representación artística da face dianteira.

O matiz de xénero vese acentuado ao contar coa colaboración de cinco destacadas artistas contemporáneas da Galiza. Elas son: Iria Fafián (1988), muralista e ilustradora, coñecida polos seus proxectos de caixas de luz; Laura Romero (1991), ilustradora, urban sketcher, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e baixista de Zënzar; María Montes (1987), auxiliar de veterinaria e ilustradora merecedora do premio ao Mellor Libro Ilustrado na Gala do Libro Galego 2020; Nuria Díaz (1982), que conta cunha fonda traxectoria en diferentes ámbitos da ilustración e encargas moi diversas, desde traballo editorial até ilustración de produto; e Minia Regos (1983), muralista e ilustradora, que ademais imparte obradoiros ao redor da lectura e da arte.

Elas encargáronse de plasmar nas láminas as mulleres destacadas do medievo galego. Cada unha ilustra dúas das láminas deste cartafol. Partiron dunha selección ampla de mulleres medievais, a partir da cal cada artista fixo unha selección sobre as figuras que máis lle interesaba representar.

A tirada de exemplares do Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza está limitada a 500 unidades e para conseguilo cóntase coa colaboración de Sermos Galiza S.A., a través de Nós Diario, que achegará ás lectoras e lectores do xornal a carpeta coas dez láminas.

Como conseguir o Cartafol?

A edición de Nós Diario do sábado 17 de setembro incluirá impresa unha cartilla. Poderase cubrir cos cinco cupóns que se distribuirán co xornal entre a terza feira 20 de setembro e o sábado 24 do mesmo mes. Quen desexe facerse co Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza deberá entregar esta cartilla cuberta cos cupóns no quiosque antes do día 26. Tras cumprimentar este paso, entre a terza feira 27 e a sexta feira 30 de setembro, as lectoras e lectores poderán recoller o cartafol de láminas ilustradas no quiosque. Cobraranse 2 euros á recollida das láminas, por gastos de xestión e distribución. Editaranse 500 exemplares, que se entregarán por orde de solicitude.