As cooperativas sen ánimo de lucro que formamos parte da Unión de Cooperativas Espazocoop, visto o descoñecemento sobre a fórmula que existe, tanto a nivel institucional como a nivel da cidadanía galega e ante os agravios comparativos existentes, atrancos administrativos e burocráticos e falla de medidas específicas adoptadas para minimizar o impacto da crise da Covid19, que está a ter especial incidencia pola tipoloxía de actividades ás que nos adicamos, queremos manifestar o seguinte:

Legalidade

As cooperativas sen ánimo de lucro galegas, somos unha fórmula xúridica empresarial regulada pola vixente Lei Galega de Cooperativas na súa disposición adicional cuarta. Somos unha fórmula perfectamente legal e segundo nos recoñece a devandita lei temos que ser consideradas polas administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia como entidades sen ánimo de lucro.

Sen ánimo de lucro

Do mesmo xeito que sucede con outras fórmulas empresariais sen ánimo de lucro, como os centros especiais de emprego e as empresas de inserción, os resultados positivos da nosa actividade non poden ser distribuídos entre as persoas socias, destinándose os excedentes disponibles (beneficios) a un Fondo de Reserva Obrigatorio e Irrepartible. Ademais desta consideración, as cooperativas sen ánimo de lucro temos limitada a retribución das persoas socias traballadoras e do persoal asalariado, non poidendo superar o 150% das retribucións establecidas no convenio colectivo aplicable ao noso sector. Iso non significa que as persoas socias traballadoras e persoal asalariado traballemos ou prestemos os nosos servizos con carácter gratuíto, senón que tanto os beneficios como as nosas retribucións están suxeitas ás devanditas limitacións.

Posta en valor

As cooperativas sen ánimo de lucro desenvolvemos actividades económicas vencelladas aos servizos sociais, educativos, culturais, artísticos, deportivos ou de tempo libre, consumo conscente e responsable, integración laboral de persoas en exclusión social e outras que teñen por finalidade mellorar a calidade de vida e condicións das persoas. Somos polo tanto, empresas cun marcado fin social e fronte á confusa e ás veces espuria calificación de empresas sociais empregadas por algunhas entidades mercantís, as cooperativas sen ánimo de lucro somos realmente empresas sociais sen ánimo de lucro que cumprimos unha función fundamental consonte aos principios e valores cooperativos que nos son propios.

Problemática

Pese ás importantes achegas que as cooperativas sen ánimo de lucro facemos á denominada economía dos coidados, na dinamización dos nosos territorios e o noso importante papel na redistribución dos recursos, á realidade é que a día de hoxe somos as grandes descoñecidas a nivel da cidadanía e sobre todo as grandes esquecidas a nivel institucional, onde son múltiples os problemas e atrancos burocráticos en relación con trámites administrativos, liñas de axudas ás que por diversos motivos non podemos optar, inseguridade xurídica e agravios comparativos nos criterios de contratación pública.

Ser sen ánimo de lucro, parece que non só non se premia senón que se penaliza.

Propostas das cooperativas asinantes

As cooperativas asinantes do presente manifesto, demandamos das distintas administracións públicas galegas:

– Medidas: Para incrementar a visibilidade e poñer en valor a nosa fórmula, así como medidas para a eliminación de atrancos e trabas burocráticas, resolver dúbidas e dar garantías xurídicas .
– Contratación Pública: Equiparamento con outras fórmulas que son primadas, tanto pola vía das cláusulas sociais que incentiven a condición de sen ánimo de lucro como pola vía dos mercados reservados, reserva de lotes, etc..
– Axudas: Posibilidade de poder optar ás axudas de cooperativismo e empresa como calquera outra empresa, pero tamén en base a nosa especificidade ás axudas para desenvolver actividades propias do noso ámbito como entidades sen ánimo de lucro. En ningún caso o que se pretende é solicitar axudas por ambas vías para o mesmo obxecto, pero de ser factible en ningún caso superar o 100% do gasto, tal e como se establece na lexislación vixente de axudas e subvencións.

COOPERATIVAS QUE ASINAN O PRESENTE MANIFESTO

Asinan o presente manifesto as Cooperativas sen ánimo de lucro galegas:

7H Cooperativa Cultural – Arabias – Árbore consumo conscente – As Lilandeiras – Aventeira – Catro Ventos – Cuarto de Inverno – Hábitat Social  – Maos Innovación Social – Miudiño – Mulleres Colleiteiras – Númax – Rexenerando – Xeración.

Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop
981 57 55 78 – info@espazo.coop www.espazo.coop

Deixar unha resposta