O sábado 17 de febreiro será a gala de entrega dos premios Youtubeiras 2023, certame que Maos coordina por primeira vez, tomando o relevo das nosas amigas da Illa Bufarda. O evento terá lugar ás 20h no Teatro Principal de Santiago de Compostela e contará con Nuria Vil e Gabri Fuentes na presentación e coa actuación musical de Mondra.
Deseñamos a gala pensando en dar protagonismo aos conceptos de fogar e de seguridade. Neste sentido, para introducir cada unha das categorías emprégase como elemento de escenografía diferentes obxectos evocadores que manteñen relación coa creación de contidos para soportes visuais. O acceso é gratuíto, mais cómpre retirar os convites previamente. Os puntos de distribución serán físicos: a Zona C (rúa Preguntoiro, 1, xusto na entrada á praza de Cervantes) no seu horario habitual (dende hoxe martes até o sábado, de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h) e o despacho de billetes do Teatro Principal dende unha hora antes do inicio da gala (dende as 19.00 h).
Youtubeiras, é un proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.
