Podemos encontrar produtos ecolóxicos en mercados locais de Brión ou Tui, mais tamén en moitas prazas de Nova Iorque, Portugal adiante, na Ille France ou en Londres, na Italia ou en Ottawa, etc.. Non todos eses mercados son 100% de produtos eco, nin todos os produtos eco está certificados cun selo estilo CRAEGA, e talvez ese produto con certificado eco non sexa tan ecolóxico como parece…

Por iso presentamos unha serie de preguntas que vos poden axudar á hora de identificar se nos encontramos ante un produto eco ou non. Estas preguntas son para ser preguntadas, con respecto e amabilidade, non só a quen vende, senón tamén a ti como cliente. Apenas pretenden ofrecerche ideas sobre como identificar se o que imos comer contén agroquímicos ou se provén do outro lado do mundo, por exemplo.

Queres saber que entendemos por produtos ecolóxicos? Podes consultar a definición dada pola Agrobio (Associação Portuguesa de Agricultura Biológica) ou pola Comisión Europea, así como os seus catro principios básicos.

  1. Necesito comprar? Antes de comprar, pensemos se realmente precisamos “consumir”. Se é que si, continuemos…
  2. Quen produciu a mazá? Normalmente nos mercados podes encontrar todo o tipo de persoa do outro lado do posto de venda. É esa persoa quen plantou as verduras que vende? Se non foi ela, quen foi? Podemos encontrar diversos escenarios: a) esa persoa é a produtora, b) esa persoa á parte dos seus produtos vende tamén produtos doutras persoas da zona ou de produtoras de confianza, c) esa persoa revende produtos doutras persoas ou simplemente revende produtos comprados a distribuidoras. Os c553731_474705942552159_365754533_nasos a) e b) son ideais porque facilitan o estabelecemento dunha relación de confianza e poderás obter respostas a todas as túas dúbidas. O caso c) é o máis frecuente e pode implicar sobrecustos pola presenza de persoas intermediarias entre ti e a produtora e talvez non che garanta un coñecemento a fondo da orixe e forma de produción. Parece recomendábel recorrer aos casos a) e b). Un exemplo interesante de caso b) é a troca entre iguais e de apoio mutuo (evitando distribuidoras intermediarias): produtoras de tamaño e filosofía semellantes que intercambian produtos (unha produtora pode vender aquí mangos de Andalucía provenientes dunha produtora irmá coa que estabelece unha relación de confianza).
  3. Onde se produciu a mazá? A distancia entre o lugar de produción e o de venda implica un transporte: canto maior sexa a distancia, maior será a súa pegada ecolóxica (moi interesante o caso do tomate). É dicir, comprar mazás ecolóxicas mais provenientes doutro continente implica un gasto enerxético excesivo e máis tendo en conta que temos mazás locais, aínda que dependamos da temporada. Esa mazá doutro continente deixou de ser tan ecolóxica polo camiño… Outra cousa é cando falamos de produtos para os cales non dispomos de produción local, como é o caso do café. Nesas circunstancias un bo criterio será o de revisar a necesidade de comprar ese produto ou o de escoller aqueles provenientes do comercio xusto. A orixe é unha información básica que non sempre está dispoñíbel, por exemplo, en moitas tendas.

Debemos lembrar a importancia dos circuítos curtos de comercialización.

  1. Como se produciu a mazá? Outra forma de formulala: Botácheslle algún produto? É boa cousa comezar por preguntar se a mazá é ecolóxica ou non e ver o que nos responden. Se non temos nin idea de agricultura non pasa nada, ás labregas e labregos normalmente lles encanta responder dúbidas e preguntas. Lembra que é falar dun produto do seu traballo. Caso te encontrares cunha persoa intermediaria vai ser máis difícil, aínda que existen profesionais con moita implicación e sabedoría que te poden guiar. Cando non poidas obter respostas, sempre podes guiarte pola certificación que teña o produto e polo criterio de proximidade da produción. En ocasións obterás respostas estilo “non teño o selo ecolóxico mais non lle boto nada” ou “non teño selo mais fágoo todo en ecolóxico”: isto é moi frecuente, tes que ter en conta que ter o selo ecolóxico (certificado outorgado na Galiza polo CRAEGA) cústalle cartos a quen produce e non todo o mundo pode permitirse telo, sobre todo se están a comezar a producir, e tamén poderíamos discrepar deses sistemas (hai alternativas, como os sistemas participativos de garantía). Nestes casos a confianza coa persoa que che vende o produto é fundamental. Abre ben os ollos perante respostas do estilo “é da casa” ou “non leva nada oh”. Nesta caso, podes experimentar a preguntar: “e logo non lle botas nada para as pragas? A ver se as leitugas van estar cheas de lesmas”. Tipo de resposta correcta: ”as lesmas teñen proteínas”. Tipo de resposta incorrecta: “un pouco sulfato non mata ninguén”.

Se non sabes quen, onde nin como se produciu un produto… vai ser mellor que revises a decisión de compralo!

1557698_702781706411247_714276288_n

  1. Estamos en temporada de mazás? Se encontras amorodos en outubro é que pasa algunha cousa especial, xa que estarán fóra de temporada. Só poden vir de lonxe e seren producidos xerando moitos impactos ambientais e sociais. Os produtos de temporada son máis sans, saborosos, económicos e respectuosos cos ciclos naturais de produción da terra. Se os amorodos que encontras en outubro son ecolóxicos, lembra o dito anteriormente: Perdería parte do que ten de eco polo camiño debido ao gasto de transporte? Necesitas de verdade consumir amorodos en outubro? Que tal marmelos, figos, castañas, uvas ou… mazás!?
  2. Podo visitar a túa horta? Se queres crear unha relación de confianza con alguén, nada como visitar a súa horta. Este punto é particularmente útil cando a persoa á que lle compras produtos non ten ningún tipo de certificación (sexa do CRAEGA, sexa participativo) ou se non dispós de referencias suficientes. Atréveste a preguntar se podes ir visitar a súa horta? É bastante probábel que leves unha sorpresa e acollan moi ben a proposta, se é que non che convidan antes. Este tipo de visitas son unha das mellores certificacións posíbeis. O peor que che pode pasar é que che metan o sacho na man!

Recomendamos a revista Opcions, sobre consumo consciente e transformador. Na súa web podes encontrar os números atrasados en versión PDF tanto en catalán como en español.

Deixar unha resposta