Escoitar a historia de vida e loita das mulleres a través a súa propia voz é un pracer ao que temos acceso grazas ao traballo das persoas dedicadas ao audiovisual. Recompilamos unha serie de documentarios que teñen como protagonistas a mulleres galegas: leiteiras, contrabandistas, nais, nenas… Un bo recurso para aproveitar o tempo sen saír da casa.

* Nesta páxina están recollidos os documentarios que compiláramos en diversos artigos (I / II) e xuntamos algúns novos que nos fixestes chegar por diversos medios: obrigadas! A lista irá aumentando…

Coñeces máis documentais de interese ou encontraches algún erro? Non dubides en comunicárnolo vía email, maos@maos.gal, ou a través das nosas redes sociais. Obrigadas!

Muller e industria

  • Doli doli doli… coas conserveiras. Rexistro de Traballo. En 1989, perto de cen mulleres, catro delas en folga de fame, pecháronse na fábrica de Odosa, na Illa de Arousa, como protesta ao peche inminente da fábrica conserveira. En 2010, Uqui Permui realiza este documental baseado no material gráfico que as traballadoras grabaron durante o seu encerro. Ver no YouTube.
  • A Fábrica. Antes de ser un solar en ruínas, a fábrica de punto Maperlán, de Boiro, foi o lugar de traballo de moitas mulleres que lograron así a independencia económica nunha época difícil. Esta curtametraxe de Marcos Nine foi gañadora do premio á mellor curtametraxe documental na V Edición do Festival Internacional On & Off de Ribadeo e obtivo o segundo premio da II Edición do Festival Galego de Curtas de Sada en 2009. Ver no Vimeo.
  • Ouro Negro. Durante boa parte do franquismo, a Brea (Fontao, Vila de Cruces) foi unha das grandes minas de volframio activas a nivel mundial. Ás mulleres non se lles permitía traballar nas galerías nin na fábrica, mais foron contratadas pola empresa concesionaria para facer traballos auxiliares como lavado e separación do mineral. Ademais, moitas delas colaboraron nas redes de estraperlo do mineral e participaron activamente na vida da vila que se medrou ao redor da mina. Este audiovisual producido polo Consello da Cultura Galega e dirixido por Encarna Otero recolle o testemuño dalgunhas destas mulleres. Ver no YouTube.
  • Fíos fóra. As mulleres galegas que traballaron no sector téxtil desde os 60 foron a man de obra perfecta e cautiva para erguer unha industria xigante que agora se atopa deslocalizada. Este documental fai un novelo do sector téxtil aquí e fóra, antes e agora. A historia repítese nos fíos doutros lugares, nos nós deste sistema. Dirixido por Illa Bufarda para AmaranteVer en Vimeo.
  • Tecido Resistente. Proxecto audiovisual que nace dun compromiso: non deixar que a “revolución” de Présaras (Vilasantar) caia no esquecemento dos galegos. Durante 80 anos (até 1962) foran as mulleres, e non os homes, as que sustentaron a economía dos fogares da comarca. O motivo? A fábrica de tecidos de Présaras. Trailer en Vimeo.
  • Matria. Ramona vive co seu marido, con quen apenas se comunica, e traballa nunha fábrica de conservas gobernada por unha encargada tirana. Ante os desafíos que lle presenta a súa rutina diaria, Ramona trata de refuxiarse na relación que lle une á súa filla e a súa neta. Tráiler en Vimeo.
  • Nación: A fábrica galega de louza Pontesa pechou en 2001. Vinte anos despois, á espera de sentenza sobre a súa reclamación de débeda pendente, un grupo de traballadoras lembra o símbolo da súa liberdade individual, a súa emancipación económica e a súa loita sindical. Nieves, Ester, Manuela, Carmen P. e Carmen A. manteñen viva a pelexa polos dereitos da muller na España do século XX. A historia das súas vidas desprégase en presenza da esfinxe: reclama a memoria das operarias do téxtil, a louza e a conserva e anuncia voces e arquivos que engarzan tempos e corpos diferentes. Traballar sen cobrar? Iso nin falar. Dirixido por Margarita Ledo Andión e producido por Nós Productora Cinematográfica Galega. Trailer en Vimeo
  • Esto se cae: O 10 de marzo de 1972 dous obreiros da Empresa Nacional Bazán foron asasinados en Ferrol pola policía franquista no que veu a chamarse despois ‘Os sucesos de marzo do 72’. A historia, escrita es masculino, sempre visibilizou a loita dos homes obreiros e deixou nun segundo plano o labor fundamental das ducias de mulleres que estiveron ao seu carón. Este documental recupera a historia deses feitos narrados en feminino. As testemuñas das mulleres que mesmo acabaron na cadea e no exilio polas súas reivindicacións e a súa participación neste momento cumbre da nosa historia recente.  Ver en Vimeo.
  • As mulleres non son de porcelana. Documental histórico-social con enfoque feminista, en fase de preprodución, que relata como se organizaron as traballadoras de dúas factorías do GRUPO DE EMPRESAS ÁLVAREZ para loitar polos seus dereitos coma mulleres e tamén polos dereitos de todas as persoas traballadoras. Realizado por O Cable Inglés, máis información aquí.

Muller e mar

  • As regateiras de Bueu. A relación da muller galega co mar é incuestionable: maricadoras, redeiras e pescantinas son algúns dos oficios que tradicionalmente desempeñaron e aínda desempeñan as mulleres das zonas costeiras. No ano 2014 co gallo do Día da Muller Traballadora, o concello de Bueu homenaxeou a figura das regateiras coa creación desta peza audiovisual. Na mesma páxina pódense ver documentais sobre emigradas e conserveiras, entre outros temas. Ver no YouTube.
  • Atadora. Historia de María, filla de Lita, redeira en Malpica e sobre e a transmisión e o futuro do oficio .Ver en Vimeo.
  • Entre patifas. Esta pequena peza documental achégase ás vivencias de catro patifas de Cesures que falan do seu traballo como vendedoras ambulantes de peixe, do seu esforzo, cos cestos de peixe na cabeza e a pé de aldea en aldea. Curtametraxe  de 2007, de Pachi Pachi Baranda. Ver en Vimeo.
  • Un mar de mulleres. Documental dividido en tres partes composto por entrevistas a diferentes perfís de mulleres con traballos relacionados co mar. Ver no YouTube.
  • As mariscadoras do río Anllóns. Pequeno documental que describe o traballo cotiá das mariscadoras que traballan no esteiro do Anllóns. As condicións laborais, o proceso de recollida do marisco ou as distintas artes empregadas son algúns dos temas que trata esta peza audiovisual. Ver no Youtube.
  • Mariscadoras do Anllóns. O esteiro de Anllóns é o escenario no que se ambienta esta pequena peza audiovisual, na que Julia Haz, presidenta da Agrupación de mariscadoras do río Anllóns, fala do traballo de mariscadora. Ver no Youtube.
  • Marea de mulleres. “Retrato colectivo das mulleres de Ares que traballaban nas fábricas de salgadura da zona. A través delas sabemos do que era o seu oficio e as súas condicións laborais, pero tamén das súas lembranzas e arelas”. Ver en Vimeo.
  • Mulleres de Sal. Reportaxe documental que conta como é a vidas de varias mulleres relacionadas co mar, este proxecto foi levado adiante pola concellería de Igualdade do concello de Soutomaior en relación cos actos do día Internacional da Muller. Mariscadoras e peixeiras todas elas do concello de Soutomaior forman parte o fío condutor desta reportaxe. Ver no Youtube.
  • Sereas. As mulleres do mar: Serie documental ao servizo da divulgación e visibilización das mulleres no sector mar-industria, co obxectivo de outro o papel estratéxico da muller no sector extractivo e transformador dos produtos do mar, resaltando a súa achega e recoñecendo o seu esforzo, configurando como un pilar esencial dentro da comunidade pesqueira e conserveira. Ver en Youtube
  • As mulleres na pesca faenando cara a igualdade: Aquí recóllese, a través de entrevistas persoais, as experiencias de tres mulleres cuxa profesión está relacionada co mundo do mar e as testemuñas de outros traballadores do sector que, desde o seu punto de vista, relatan as dificultades adicionais ás que se enfrontaron as tres protagonistas. Ver en YouTube
  • As mulleres do mar: Vídeo elaborado pola Confraria de Pescadores San Martiño de Bueu no marco do proxecto TurLonxa: turismo na lonxa de Bueu e financiado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra, Xunta de Galicia e Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Ver en YouTube
  • As redeiras e o mar. Artesás atlánticas: Un traballo para dignificar a profesión, e así dar conta da necesidade de profesionalizar, e conseguir melloras salariais como obter o coeficiente redutor do resto do sector, así como poder entrar na lei de pesca. Ver en YouTube.
  • A muller no mundo da pesca na Mariña lucense. O importante papel das mulleres no desenvolvemento económico da industria pesqueira é o argumento principal deste vídeo, que recolle testemuños de pescadoras, peixeiras e redeiras, mariscadoras, mulleres que participan nos labores de descarga e estiba do peixe, traballadores da industria conserveira, así como mulleres empresarias e emprendedoras. O seu obxectivo é concienciar e poñer en valor o papel xogado polas mulleres ao longo da historia recente no mundo da pesca nesta contorna: un percorrido pola historia e evolución das súas condicións laborais e sociais, e as súas inquietudes. Ver en YouTube.

Muller e rural

  • Polas Bravas! Como viven e que senten as mulleres que traballan no rural ourensán? Esta é a cuestión á que dá resposta o documental Polas Bravas! O vídeo é un reflexo tamén dos diferentes xeitos de gañar a vida no campo: desde a agricultura até a creación de leite de burra, mel ou pan. Este traballo da Asociación Avinza ten como protagonistas seis mulleres que residen en concellos da Reserva da Biosfera Área da Allariz. Ver no YouTube.
  • Leiteiras de Ermelo. Vídeo homenaxe ao labor das leitieras de Ermelo ao longo dos anos. Neste lugar situado no alto de Bueu, no interior da parroquia, as mulleres dedicáronse tradicionalmente ao coidado do gando e ao comercio do leite. Recóllese neste vídeo a memoria dalgunhas das últimas leiteiras. Ver no YouTube.
  • Da man das queixeiras. Vídeo proxectado na “Homenaxe ás queixeiras” realizada na 40ª Festa do Queixo de Arzúa. Ese acto enmárcase dentro do proxecto de salvagarda da historia das mulleres do concello de Arzúa por medio da recollida de campo de memoria oral e material fotográfico, que está a desenvolver MaOs Innovación Social para o Concello de Arzúa. Ver no Vimeo.
  • O rural de todas. O proxecto audiovisual “O rural de todas” está promovido pola área de Igualdade da Deputación da Coruña e ten como obxectivo contribuír a unha maior visibilidade do traballo das mulleres do rural. A través do documental relátanse historias e experiencias diversas que axuden a unha maior sensibilización sobre a importancia dos traballos que as mulleres desenvolven na sociedade. Ver no YouTube.
  • Mulleres sustento rural. Documental sobre as mulleres do Concello de San Xoán do Río. Ver en YouTube.
  • Grandes historias das Heroínas do Rural. Documental onde as protagonistas son mulleres do rural dos concellos de Alfoz e do Valadouro que narran a súa historia como mulleres no rural. Ver en YouTube.
  • Elas tamén contan: voces de mulleres desde o rural. Testemuñas de distintas xeracións da Mariña lucense narran en primeira persoa as discriminacións de xénero e avances conquistados nunha sociedade machista. Ver en YouTube.
  • O rural é de todas. A través deste documental relátanse historias e experiencias diversas que axuden a unha maior sensibilización sobre a importancia dos traballos que as mulleres desenvolven na sociedade. Ver en YouTube.
  • A vida conta. Testemuñas de Pilar de Figueiras, Maruja de Busto, Esperanza de Laraño, Fina de Laraño e Elena de Marantes, que contan como foi a súa vida estes longos meses de pandemia. E, nese seu relato, caben moitos outros. Porque “estamos aquí, estamos vivas aínda”. Ver en YouTube.

Muller, saúde e coidados

  • Miña nai, a parteira de Ponte Sampaio. Este pequeno vídeo é imprescindible; relata a vida da parteira de Ponte Sampaio, Isolina da Reguiña: como chegou a aprender o oficio, a relación coa veciñanza e cos doutores… O vídeo foi feito e relatado pola súa filla a través do proxecto Memoria de Muller. Ver no YouTube.
  • Terra das Marabillas. O documentario Terra das Marabillas, recolle a tradición máxica, mitológica e tamén numerosos remedios da medicina popular que aínda se conservan parroquia de Salcedo. As mulleres non son o eixo deste traballo pero si as doas que compoñen o colar patrimonial e cultural da parroquia pontevedresa. É por iso que incluimos este traballo de Ana Lois en colaboracion con Rafa Quintía. Ver no Vimeo.
  • Nós as mulleres. Documental dirixido por María Nogueira, unha muller de Castroverde que decidiu entrevistar a sete mulleres do municipio, incluída ela mesma. Aínda hoxe en día o traballo agrícola e gandeiro das mulleres no rural (e tamén no urbano) é invisible debendo afrontar grandes retos como a dificultade de acceso á propiedade da terra e a recursos de capacitación. Con todo, o seu traballo máis invisible é o que permite que existan núcleos familiares no rural: o dos coidados. Son elas as encargadas de coidar a nenos e nenas e a persoas maiores ademais dos traballos do exterior. Pero esta faceta non é recoñecida nin remunerada. Ver no YouTube.
  • Vouvos contar unha cousa. Curta documental sobre o impacto da Covid nas mulleres do rural. Unha peza que deriva de dúas conversas con dúas das mulleres que participaron na edición 2020 de EspadELA, a escola de apoderamento feminista de mulleres do rural. Realizada por Lucía Catoira Pan sobre unha idea da cooperativa Arabías. Financiada pola Deputación da Coruña. Ver en YouTube.

Muller e franquismo

  • Digna rabia. Testemuño sobre a vida das mulleres galegas durante o período franquista, dirixido por María Victoria Martins Rodríguez e Ángel Rodríguez Gallardo no que distintas xeracións reflexionan sobre o impacto que tivo o franquismo nas súas vidas: como se enfrontaron con el, como sobreviviron, onde traballaron, como responderon á desigualdade, á reclusión doméstica, á submisión, á violencia de xénero e ás dificultades para se instruír. Trailer no YouTube.
  • Silenciadas. Un documental sobre a loita de moitas mulleres en Galiza contra a violencia e a represión da ditadura de Franco após a Guerra Civil española. Este audiovual dirixido por Pablo Ces Marco, con guión de Aurora Marco, foi recoñecido en 2013 co premio “Popular” no Festival Internacional de Cine Documental online Humanity Explored.(Obrigadas a Beatriz por nolo achegar) Ver en CultureUnplugged.

Muller, educación e ciencia

  • Tita, a palabra xusta. Estreada o 8 de marzo de 2017, Tita é un documental de Miguel Piñeiro sobre a pedagoga viguesa Antía Cal. Ela recolleu teorías pedagóxicas renovadoras na obra O Libro dos nenos (1958), unha sorte de manual que tardou 60 anos en ser coñecido. Neste documental de Miguel Piñeiro, que previsiblemente se estreará na primavera de 2015, abordan o porqué destes anos de silencio. Extracto sobre Rosalía. Aquí podedes ver un programa da TVG sobre ela.
  • A muller na ciencia. Peza audiovisual que dá visibilidade á muller na ciencia e a innovación, mostrando distintas iniciativas que, dende o eido privado e público, se están a desenvolver por mulleres e nenas do Concello de Ames. Ver en YouTube.

Muller e emigración

  • Mulleres de aquí e dacolá. Que foi das mulleres que emigraron de Lugo a Arxentina? Que foi daquelas que deixaron Arxentina para vir Galicia? A estas preguntas responde o documentario Mulleres de aquí e dacolá (2014), un audiovisual realizado por Xosé Reigosa e Pilar Sánchez, desenvolvido dentro do programa “Museoloxía social. Culturas en Diálogo: Lugo –Arxentina” levado a cabo pola Rede Museística Provincial de Lugo. O vídeo que segue, presenta o proxecto e inclúe extractos deste documental, froito dun traballo de investigación e recollida que afonda na memoria e no presente dos movementos migratorios entre estas terras afastadas. (Grazas a Pilar por nolo facer chegar) Ver no Vimeo.
  • Fillas de Galicia. Dúas galegas, a máis vella e a máis nova das miles que aínda vivían en Cuba a principios deste milenio. Historias que forman parte dunha maior, da emigración tanto de Galicia cara Cuba, como de Cuba cara o mundo, que van do típico ao extraordinario, pero que non deixan indiferente. Ver en YouTube.

Muller e lingua

  • Mulheres e língua no bairro da Agra. “Cinco mulheres do bairro da Agra contam a sua experiência crescendo e vivendo em galego na cidade da Corunha”. Vídeo no Vimeo.

Muller e conflito

  • Homenaxe ás mulleres loitadoras pontevedresas. Vídeo realizado por MaOs Innovación Social para o acto de homenaxe á participación das mulleres en diversos conflitos sociais da segunda metade do século XX. O acto enmarcábase dentro das actividades do proxecto A Memoria das Mulleres do Concello de Pontevedra. Vídeo en Facebook.

Muller, arte, música e audiovisual

  • Por que non cantades todas. Este documental amosa “a relación coa música dun grupo de mulleres do lugar de Zobra na serra do Candán. A música como memoria, experiencia e convivio. A música coma ponte entre dúas realidades, o pasado e o presente”. Detrás deste traballo están a Cooperativa Trespés e Diana Toucedo, a directora do audiovisual que saiu á luz no ano 2014. Ver en Vimeo.
  • Miradas novas. O vídeo amosa o proceso, o resultado e o balance realizado polas mulleres de San Sadurniño despois de asistir a un “Obradoiro de fotografía” realizado pola Aula Cemit e o Departamento de Igualdade coa colaboración de Gabriel Tizon. A maioría delas nunca empregaran unha cámara, polo que as fotografías e reflexións mostran o interesante exercicio que fixeron de “mirar de novo” a súa vida cotiá, a través dunha máquina de retratar. Ver en Fálame de San Sadurniño.
  • ARTE+MULLER+GALICIA. Documental dirixido pola historiadora da Arte e crítica Rosario Sarmiento, que expón un achegamento ao traballo daquelas artistas mulleres cuxa obra resulta fundamental para entender o desenvolvemento da historia da arte contemporánea en Galicia: Menchu Lamas, Berta Cáccamo, Mónica Alonso entre outras… A través das biografías destas artistas pertencentes a diferentes ámbitos creativos e xeracionais, Arte + Muller + Galicia debuxa un amplo e plural escenario de reflexión sobre as circunstancias que rodearon a súa carreira como creadoras. Trailer en YouTube.

Varios

  • Mulleres da raia. Unha viaxe da man de Diana Gonçalves ás fronteiras do norte de Portugal e Galiza lévanos ao contrabando local e á emigración clandestina. A raia, como popularmente é coñecida a fronteira, garda unha historia de loita diaria pola supervivencia e as súas mulleres son testemuñas. Ver trailer no YouTube.
  • Señora de. Documental de Patricia Ferreira no que se recollen testemuños dun amplo espectro de mulleres de diferentes clases sociais e con diferentes tipos de educación: mulleres da cidade e do campo, do mar e de terra dentro, que falan por primeira vez e reflexionan sobre o que foi a súa vida. (Obrigadas a Móllate coa lingua por nolo achegar) Ver no YouTube.
  • Historias de Galicia; a historia de ser mulleres. Nin María Pita, a raíña Urraca, Rosalía ou Emilia Pardo Bazán; neste capítulo da serie Historias de Galicia, da TVG, falan de mulleres anóminas, alicerces da economía en todos os tempos que traballaron a terra, nas fábricas ou como mestras. Ver no YouTube.
  • Sempre foron cinco. Audiovisual promocional do proxecto Economía para o desenvolvemento, levado a cabo por Acsur Galiza en 2011. Coa escusa dunha homenaxe ás avoas, presenta a mulleres sen moitos recursos que co seu traballo levaron adiante xeracións anteriores, con “austeridade e valor”. A curta ofrece un paralelismo entre ese modelo económico de superación e aforro e novas alternativas financeiras non lucrativas. Ver no Vimeo.
  • Dez centímetros máis perto do ceio. Non é un documentario coas mulleres galegas como protagonistas; trata o concepto de feminidade. A súa autora, Raquel Rei, “convida a reflexionar acerca do modelo de muller que o patriarcado foi artellando e que nos tacóns atopa unha expresión máis da feminidade hexemónica”. Ela xunto con Andrea Nunes compón o proxecto de creación audiovisual e poética “As Candongas do Quilombo”. Ver no Vimeo.
  • Costa das mulleres. Documental que convida a unha reflexión sobre o pasado, presente e futuro da muller traballadora na Costa da Morte. Vinte mulleres da comarca de diferentes idades e distintas traxectorias persoais falan do desemprego, a precariedade, a discriminación salarial, a imposibilidade de conciliar traxectoria laboral con coidado de familiares dependentes, a falta de apoio institucional… Este vídeo foi realizado polo BNG e Galiza Nova da Costa da Morte. Ver no YouTube.
  • Mujer[es]Mujer. Audiovisual que garda o seu interese na exploración da evolución e relación entre distintas xeracións de avoas, nais e fillas. Trátase dun proxecto de SocialDocs, Comunicación Necesaria. Ver no YouTube.
  • Matriarcas. Traballo dirixido por Ana Costa que xurde para reinvindicar o dereito da muller a ser dona do seu corpo pero que se acaba convertendo nun berro pola igualdade. Teaser no Vimeo.
  • Tralas luces. A viaxe de Lourdes, unha feirante que percorre na súa caravana as estradas do norte da península xunto coa súa familia e coa súa pista de coches de choque ás costas. Ver trailer no YouTube.
  • Faladas de Muller. O relato das veciñas de San Sadurniño é o fío condutor deste traballo que reflexiona sobre a vida das mulleres dende comezos do século XX até a actualidade e incluso o que aínda resta por vir e cambiar. Desde o parto aos anticonceptivos, 23 minutos de declaracións para non perder.  A peza audiovisual é froito da colaboración entre o Departamento de Igualdade e a Aula Cemit do Concello, dentro do programa “Memoria Activa”. Ver en Fálame de San Sadurniño.
  • A Rexubeira de Bergantiños. Documental sobre Asunción Antelo Suárez, agricultora, gandeira, oleira, canteira, escultora e poeta da aldea de Segufe (Coristanco). Ver en Vimeo.
  • Deuteronomio 7:20. Documental de Marta Piñeiro que recolle unha fin de semana en Naraío que deu nalgo “celestial” grazas a Gelis. Poderes que xorden do ceo e da terra, o “temor de Deus” e a influencia da igrexa no cotián móstranse con desenfado a través das relacións e vivencias desta muller brava. Ver en Youtube.
  • Mulleres de Mugardos. Documental homenaxe sobre a historia das mulleres do concello de Mugardos. Ver en Youtube.
  • Lolita. Lolita é unha muller da Pousa, unha aldea mínima do concello de Monterrei. Viviu alí toda a vida e a súa vida é esta, o que pase no resto do mundo non é cousa dela. Este traballo de Sabelinha Souto segue un día na vida desta muller da terceira idade. Ver en Youtube.
  • Tódalas mulleres que coñezo. Do persoal ao político, as vivencias de mulleres diversas evidencian o masculinizada e violenta que segue a ser a rúa hoxe en día. En tres conversas reveladoras con amigas, colaboradoras e estudantes de secundaria, a directora busca artellar un discurso sobre o medo que non fomente o medo, un discurso sobre a violencia que non resulte violento. Tráiler en Vimeo.
  • Cruz Piñón. Díptico visual con pantalla partida no cal asistimos ás dúas facetas da vida de Cruz Piñón: a do día a día da muller do rural e á da muller con vontade de aprender e de non deixar fuxir o mellor dun mundo novo. Curtrametraxe. Ver en Vimeo.
  • A poeta analfabeta: Luz Fandiño é poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Aos seus 88 anos Luz é testemuña viva das realidades máis duras do século XX, por ser muller, por ser emigrante, por ser pobre, por ser roxa. Luz é unha muller brava, unha persoa fondamente política e un ser cunha humanidade excepcional. Como entende o mundo esta poeta que a pesar do tremor das mans escribe todos os días? Que a move a tal esforzo? Que a mantén viva? Dirixido por Sonia Méndez e producido por Cósmica Producións. Trailer en Vimeo
  • Reduce tu huella – Mulleres galegas: Adela chega a Galicia para coñecer o punto de vista feminino da sustentabilidade, e faino nunha das comunidades onde histórica e actualmente as mulleres tiveron máis peso na sociedade, e ensinará iniciativas que teñen como selo o respecto polo medio ambiente. Ver en RTVE
  • As mulleres co mundo na cabeza: Documental dirixido por Encarna Otero, no que se quere homenaxear a mulleres anónimas que non deixaron ningunha pegada nos rexistros oficiais e que sustentaron as súas familias cos materiais que transportaban na súa cabeza. Forma parte dun traballo de documentación dunha das áreas de traballo da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG) que pretende fixar o testemuño de traballadoras anónimas na creación dun arquivo de imaxe. Ver en YouTube.
  • Saberes de muller. Documental que xira arredor das reflexións, recordos e saberes de mulleres da comarca de Bergantiños e da Costa da Morte. Ver en YouTube.
  • Loitar saben. Serie documental que trata en dous espazos e temporalidades ben diferenciadas experiencias da vida das mulleres galegas. Dámoslle voz a elas mesmas para rachar eufemismos e tópicos que falsean a realidade histórica e, a través das súas lembranzas e memoria, achegarnos a fenómenos do pasado. Ver en Mazarelos.gal.

MAOS Innovación Social, S.Coop.Galega non se responsabiliza polo contido doutras webs cuxos enderezos estean dispoñíbeis nas nosas páxinas, ou das ligazóns que estean neles dispoñíbeis.