AVISO:  Creamos unha nova páxina específica recompilando máis documentarios e incluíndo os presentes nos varios artigos publicados. Podes acceder á páxina premendo aquí.

Sacamos un novo post con máis creacións audiovisuais sobre mulleres galegas (aquí tes o anterior). Grazas a todas as persoas que nos permitistes coñecer novas pezas e a aquelas que traballan para que existan. Isto non para!

  • Por que non cantades todas

Este documental amosa “a relación coa música dun grupo de mulleres do lugar de Zobra na serra do Candán. A música como memoria, experiencia e convivio. A música coma ponte entre dúas realidades, o pasado e o presente”. Detrás deste traballo están a Cooperativa Trespés e Diana Toucedo, a directora do audiovisual que saiu á luz no ano 2014.

por-que-non-cantades-todas-2

  • Tita

Aínda pendente de se estrear, Tita é un documental sobre a pedagoga viguesa Antía Cal. Ela recolleu teorías pedagóxicas renovadoras na obra O Libro dos nenos (1958), unha sorte de manual que tardou 60 anos en ser coñecido. Neste documental de Miguel Piñeiro, que previsiblemente se estreará na primavera de 2015, abordan o porqué destes anos de silencio.

10610612_668954933226589_8406445376204522752_n

  • Historias de Galicia; a historia de ser mulleres

Nin María Pita, a raíña Urraca, Rosalía ou Emilia Pardo Bazán; neste capítulo da serie Historias de Galicia, da TVG, falan de mulleres anóminas, alicerces da economía en todos os tempos que traballaron a terra, nas fábricas ou como mestras.

  • Da man das queixeiras

Vídeo proxectado na “Homenaxe ás queixeiras” realizada na 40ª Festa do Queixo de Arzúa. Ese acto enmárcase dentro do proxecto de salvagarda da historia das mulleres do concello de Arzúa por medio da recollida de campo de memoria oral e material fotográfico, que está a desenvolver MaOs Innovación Social para o Concello de Arzúa.

  • Terra das Marabillas

O documentario Terra das Marabillas, recolle a tradición máxica, mitológica e tamén numerosos remedios da medicina popular que aínda se conservan parroquia de Salcedo. As mulleres non son o eixo deste traballo pero si as doas que compoñen o colar patrimonial e cultural da parroquia pontevedresa.  É por iso que incluimos este traballo de Ana Lois e colaboracion con Rafa Quintía.

  • Sempre foron cinco

Audiovisual promocional do proxecto Econonomía para o desenvolvemento, levado a cabo por Acsur Galiza en 2011. Coa escusa dunha homenaxe ás avoas, presenta a mulleres sen moitos recursos que co seu traballo levaron adiante xeracións anteriores, con “austeridade e valor”. A curta ofrece un paralelismo entre ese modelo económico de superación e aforro e novas alternativas financeiras non lucrativas.

  • Dez centímetros máis perto do ceio

Non é un documental coas mulleres galegas como protagonistas; é un documental sobre o concepto de feminidade. A súa autora, Raquel Rei, “convida a reflexionar acerca do modelo de muller que o patriarcado foi artellando e que nos tacóns atopa unha expresión máis da feminidade hexemónica”. Ela xunto con Andrea Nunes compón o proxecto de creación audiovisual e poética “As Candongas do Quilombo”.

  • Mulleres de aquí e dacolá

Que foi das mulleres que emigraron de Lugo a Arxentina? Que foi daquelas que deixaron Arxentina para vir Galicia? A estas preguntas responde o documentario Mulleres de aquí e dacolá (2014), un audiovisual realizado por Xosé Reigosa e Pilar Sánchez, desenvolvido dentro do programa “Museoloxía social. Culturas en Diálogo: Lugo –Arxentina” levado a cabo pola Rede Museística Provincial de Lugo. O vídeo que segue, presenta o proxecto e inclúe extractos deste documental, froito dun traballo de investigación e recollida que afonda na memoria e no presente dos movementos migratorios entre estas terras afastadas. (Grazas a Pilar por nolo facer chegar)

  • Mulheres e língua no bairro da Agra

“Cinco mulheres do bairro da Agra contam a sua experiência crescendo e vivendo em galego na cidade da Corunha”.

Accede aquí ao primeiro artigo da serie “Documentais sobre mulleres galegas”.

Deixar unha resposta