O 21 de outubro de 1923 asinouse a acta fundacional do Seminario de Estudos Galegos na rúa Concepción Arenal 10, Santiago de Compostela. Festexamos, por tanto, o centenario dunha das institucións máis importantes da nosa historia recente. Con este motivo, a área de Cultura do Concello de Santiago encargounos o deseño e guía dun paseo e a creación dunha unidade didáctica.
O paseo guiámolo con grande afluencia tanto nas Festas da Ascensión como na Selic, e repetirémolo os días 21 e 22 de outubro coincidindo con esa data fundacional. Nese mes de outubro distribuirase gratuitamente a unidade didáctica que estamos a elaborar nestes momentos e que está pensada para todos os públicos, aínda que terá especial aproveitamento nos centros de ensino.
