Agora que chega o verán, queremos agasallarvos desde MaOs cunha lista fresca de música que se está a facer en Portugal.
Non segue unha orde xerárquica nin pretende ser exhaustiva, só amosar algunhas propostas interesantes para que cadaquén escolla a que máis lle guste ou mesmo se anime a ir aos festivais que están por chegar.

  1. António Zambujo é unha das poucas voces masculinas que atoparemos no novo fado, un camiño musical que semella o evoluir natural do estilo; a modernización sen perder a esencia. Nesta liña, na que se adentrar sen medo, poderemos atopar desde os mainstream Deolinda ata a Mafalda Arnauth.
  2. Throes + The Shine. Escoitalos é un exercicio só apto para oídos sen prexuízos: rock e kuduro, xuntos? Da incredulidade e sorpresa que poden supor as súas primeiras escoitas, pásase á fascinación e submisión total, en especial se te das o gusto de velos en directo: un espectáculo adrenalínico para non perder.
  3. Kilimanjaro. “São como búfalos a galope, sem destino algum, apenas o de estremecer aqueles por quem passam. Só lhes interessa o palco, como a savana onde o búfalo se alimenta, para continuar a galopar.” Así se describen estes rapaces de Barcelos que acaban de sacar o seu primeiro disco LP pero que levan anos a tocar e pisar as táboas de palcos como o do Sonic Blast.
  4. Black Bombaim e psicodelia; está practicamente todo dito. Estes 3 rapaces, tamén de Barcelos, percorren os mesmos camiños que Radio Moscow ou Black Willows, iso si, collendo o desvío psicotrópico. Coma Kilimanjaro ou Throes+The Shine, traballan co selo discográfico Lovers&Lollypops, o que organiza o recomendable festival Milhões de Festa.
  5. Melech Mechaya son os “reis da festa” (tradución do seu nome). Este grupo de sete instrumentistas son un referente da música Klezmer, unha poderosa tradición sonora dos xudeus de Europa Central e do Leste que serviu de base para crear un repertorio no que conviven temas tradicionais e creacións propias. Estarán no festival Galaicofolia, en Esposende.
  6. Anarchicks. “Se a música é uma arma elas são o gatilho!” Disparan Pop, Punk, Funk e deixan un regueiro de pólvora que cheira ás Riot Grrrl. O 26 de xullo estarán no festival Meda+, unha cita interesante na que tamén se poderán ver aos Throes+The Shine.
  7. non é un grupo, non é unha banda: é un proxecto integrado por máis músic@s dos que se adoitan ver xunt@s. Definilos resulta difícil pois combinan con acerto e elegancia moi diferentes estilos. Mais se de poñer etiquetas se trata, poderíase dicir que pasean como queren pola música negra esvarando polo Jazz, Soul, Funk, Groove e o Hip-Hop para crear un “tecido vivo do que emanan latexos”.

 

Deixar unha resposta