Para celebrar a nosa recente alta como entidade socia da Asociación de Antropología del Estado Español (ASAEE), publicamos hoxe o texto lido na Xornada “Retos na xestión do patrimonio inmaterial” na mesa REFLEXIÓNS DUNHA COMUNIDADE DE APRENDIZAXE o 22 de maio no Consello da Cultura Galega.


Quen es? e quen sodes? Boa tarde, eu son Óscar, socio traballador de MAOS Innovación Social, cooperativa compostelá que levamos en activo desde 2013 e como cooperativa desde 2014. Somos tres socias: Xiana, xornalista, María, filóloga e eu, “cienciasociólogo”.

Como xurdiu o proxecto? / Que obxectivo ten / tivo? MAOS naceu da nosa vontade de gañármonos a vida facendo aquilo do que gostamos, por tanto, do noso interese pola cultura, polo social, pola lingua ou pola ecoloxía. A nosa actividade desenvólvese principalmente na xestión e innovación cultural, social e do patrimonio, tanto material como inmaterial. O noso cometido pasa por contribuír a que o patrimonio sexa considerado como ben que repercute na creación de riqueza, tanto económica como social, dunha comunidade. E, sinceramente, estes 5 anos en activo demostráronnos que para sobrevivir como empresa debemos facer… un pouco de todo.

Cales son os problemas que xurdiron/xorden ao longo do voso proxecto? Tivemos a sorte de poder realizar diversos traballos ao redor do patrimonio inmaterial, como o de inventariado e posta en valor do patrimonio da Reserva da Biosfera Transfronteiriza do Gerês-Xurés, na salvagarda da historia das mulleres de Arzúa, no documental sobre o San Martiño en Teo nos anos 40 e 50, na recollida de arrolos en Rianxo, colaboramos en diversos cafés da memoria do Museo do Pobo Galego… mais o traballo no que máis colaboramos e no que seguimos a traballar é A Memoria das Mulleres do Concello de Pontevedra, onde realizamos traballo de campo, recompilando mediante entrevistas información sobre a vida das mulleres do concello e tamén desde o ano pasado, sobre os conflitos en que participaron e participan. A nivel empresarial os problemas son os comúns ao noso sector, mais podemos salientar o difícil que é buscar financiamento e encontrar clientela interesada en traballar co patrimonio inmaterial. Ao mesmo tempo é difícil que se recoñeza o traballo real que implica o traballo de campo. Ás veces é preciso moito tempo de traballo e iso implica investimento. Da nosa experiencia e do traballo de campo que realizamos ao longo deses proxectos que citei e doutros en que participamos podemos destacar algúns problemas ou dificultades que vou tentar resumir rapidamente:

  • Máis que un problema, un dos grandes retos sempre é o de crear confianza na xente para que sexan as nosas informantes e despois xerar clima de confianza para convidar ao relato.
  • Outro reto é acertar como facer “material” o patrimonio inmaterial, é dicir que soportes e formatos empregar. Vídeo, audio, texto literal ou descritivo? Como transmitir ou crear produtos que transmitan o patrimonio, feiras, textos? Ademais a nivel interno sempre é un reto organizar e dar trazabilidade aos documentos e ficheiros xerados.
  • Relacionado con ese material, como pasar do privado ao público? Ou como pasar a material que se vai difundir información, ás veces íntima, que che dan as informantes, coas que tes xa unha relación persoal. exposicións…? Facelo atractivo. Os textos por si sós xa non serven sempre.
  • Un reto e moitas veces un verdadeiro quebracabezas é convencer da necesidade de salvagarda da memoria. Conseguir que as persoas depositarias valoren os seus saberes e coñecementos, a súa traxectoria (non lle dan importancia). A isto podemos unir o abandono dun dos hábitats fundamentais en que se desenvolveu o noso patrimonio inmaterial, o rural. As persoas informantes son maiores case todas (en ocasións redúcese capacidade comunicativa e dificulta o traballo a longo prazo).
  • Por outro lado temos a memoria selectiva das persoas. Necesidade de recompilación de moitas fontes para poder ter unha idea aproximada.
  • Por último, ás veces é difícil discernir que é patrimonio propio do que é alleo, por exemplo no referido ás cuestións da lingua e ás interferencias que encontramos nunha situación de diglosia como a nosa.

Cales son / foron os vosos acertos? Non sei se nós mesmas somos capaces de valorar ben os nosos posíbeis acertos… Mais aí van algunhas cousas das que nos sentimos orgullosas:

  • Conseguimos traballar tendo apoio no tecido social, tanto en asociacións e outras empresas como de axentes chave, persoas individuais que se involucran e axudan na procura de informantes.
  • Chegamos a ter redes de informantes e mantemos contacto prolongado con persoas que se involucran no traballo e non nos desvinculamos nada máis acabar o proxecto e manter fíos comunicativos.
  • Tentamos devolver o feito na medida do posible; por exemplo mediante actos de homenaxe n’A Memoria das Mulleres ou coas proxeccións á veciñanza dos documentais feitos no Xurés.
  • Axúdanos moito ter creado unha metodoloxía de traballo propia que nos permite ter unha guía adaptable ás diferentes circunstancias de cada proxecto.
  • Por último, pensamos que sempre fomos sinceras, a sinceridade para explicar en que consiste o proxecto e que se vai facer con el resulta sempre un acerto. A transparencia.

Cales son os teus retos? Como reto de futuro a nivel de empresa encantaríanos ser un dos referentes no ámbito do traballo ao redor do patrimonio inmaterial, que se nos teña en mente cando se queiran facer proxectos relacionados. Ao mesmo tempo gostariamos de facer máis rendible o traballo, reducindo as horas de xestión da información e potenciando as accións de visibilización e difusión de patrimonio. E tamén desexamos seguir facendo rede, tanto con outras entidades e empresas como con persoas relacionadas co sector. Por último, un desexo, que talvez alguén entre o público quere financiarnos… desexamos moitos poder facer un atlas do patrimonio inmaterial de Galiza, a semellanza do andaluz presentado esta mañá. Hai ferramentas marabillosas como o APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) mais aínda non temos ese atlas galego do patrimonio inmaterial e encantaríamos formar parte do equipo de traballo que o constrúa. Por favor? 🙂 Graciñas pola vosa atención.

Deixar unha resposta