En MaOs deseñamos diversos paseos literarios e culturais. Tres deses paseos creámolos por encarga da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago e guiámolos durante o verán de 2016 e na primavera de 2017:

Paseo sobre as Irmandades da Fala en Compostela. Seguimos as pegadas das Irmandades da Fala en Compostela, para coñecer aos seus e súas principais protagonistas así como ter unha visión xeral do que foi e supuxo este movemento. O paseo parte do antigo quiosco da Alameda de Compostela e percorre rúas da zona vella que coñecemos e transitamos acotío. O punto de encontro foi o quiosco da Alameda, no cal se encontra parte da exposición das Irmandades da Fala (podes visitala aquí). Este paseo realizouse tres veces, dúas pola tarde (ás 19:30) e unha en horario nocturno (22h). Este paseo realizouse tamén en francés e inglés para alumnado da Escola Oficial de Idiomas.

Compostela (d)escrita. Paseo pola Compostela literaria. Pomos o foco na relación entre literatura e universidade desde “A Casa da Troia” até finais do século XX. O paseo quere ser un conxunto de pistas que nos axuden a entrever novos recunchos posíbeis do mapa literario da cidade. O punto de encontro foi a Praza de Mazarelos, ao lado da estatua. O paseo nocturno diferenciarase dos de tarde en dúas das paradas. Este paseo realizouse tres veces, dúas pola tarde (ás 19:30) e unha en horario nocturne (22h). Este paseo realizouse tamén en francés e inglés para alumnado da Escola Oficial de Idiomas.

Carlos Casares e Compostela. Paseo dedicado a Carlos Casares, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 2017, pondo o foco na relación da vida e a obra do autor coa cidade de Compostela. Este paseo realizouse seis veces ao longo da semana do 17 de maio.

Ofrecemos todos estes paseos en galego, castelán, inglés, francés, italiano, alemán e portugués