MaOs coordinu nos meses de marzo a xuño de 2015 a Feira Come Ourense, creada polo Concello de Ourense a través da súa iniciativa Come Ourense, co obxectivo de promover os produtos locais de alimentación, tanto frescos como elaborados. A feira, de carácter mensual e itinerante, realizouse en diferentes lugares do concello.

A primeira feira foi na Praza Maior o sábado 28 de marzo, a segunda foi na Ponte Romana o 25 de abril, a terceira o 23 de maio na Rúa Salvador Dalí, e a cuarta o 6 de xuño na Praza Maior, as catro de 10 a 14h. De momento non hai máis feiras programadas.

Para reforzar o carácter local das feiras, á hora de xestionar as solicitudes de colocación de posto, establecéronse dous criterios básicos. O primeiro ordena por prioridade as solicitudes segundo a procedencia das persoas ou empresas solicitantes: 1) persoas ou empresas do Concello de Ourense, 2) as da provincia, 3) de fóra da provincia. E o segundo ordena as solicitudes dentro de cada un dos grupos anteriores segundo o tipo de venda: 1) venda directa (neste caso, quen venda polo menos un 60% de produtos de elaboración propia), 2) revenda ou outros. A misión destes criterios é facilitar a participación na feira de postos a persoas ou empresas produtoras locais. Pódense consultar en http://qr.net/normasfeira as normas de participación e adhesión.

Para solicitar a colocación de posto debe entregarse o formulario de solicitude até 15 días antes de cada feira vía email (feira@comeourense.org), cubríndoo online (http://qr.net/Feira), vía telefónica (694474166) ou en persoa no stand de Come Ourense na feira anterior á que se solicita asistir.

A Feira Come Ourense é unha iniciativa do proxecto COME OURENSE de fomento da sustentabilidade alimentar local da cidade de Ourense dentro do proxecto URBACT “Sustainable Food in urban communities”. Ourense é parte desde 2012 dunha rede europea xunto con Bruxelas, Atenas, Oslo, Goteborg, Lyon, Bristol, Messina, Amersfoot e Vaslui.

Fotografías da primeira feira (28 de marzo, Praza Maior)

Fotografías da segunda feira (25 de abril, Ponte Romana)

Fotografías da terceira feira (23 de maio, Rúa Salvador Dalí)

Fotografías da cuarta feira (6 de xuño, Praza Maior)