En MAOS deseñamos diversos paseos literarios e culturais. Os paseos mencionados a seguir creámolos principalmente por encarga da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago e guiámolos desde 2016 e até a actualidade tanto para o Concello como para outras entidades (Escola Oficial de Idiomas, en francés e inglés, FIARE, Semente, centros de ensino, etc.):

  • Paseo-recital de homenaxe a Manuel María. Paseo-recital e concerto en homenaxe a Manuel María polo Día das Letras Galegas de 2016 para o Concello de Santiago. A homenaxe centrouse na relación do autor con Santiago de Compostela a través da súa obra “Poemas a Compostela”. (Máis info)
  • Paseo sobre as Irmandades da Fala en Compostela. Seguimos as pegadas das Irmandades da Fala en Compostela, para coñecer aos seus e súas principais protagonistas así como ter unha visión xeral do que foi e supuxo este movemento. Este paseo dispón de versión diúrna e nocturna. Foi realizado tamén en francés e inglés para alumnado da Escola Oficial de Idiomas e tamén para a SELIC 2020. (Mapa)
  • Compostela (d)escrita. Paseo pola Compostela literaria. Pomos o foco na relación entre literatura e universidade desde “A Casa da Troia” até finais do século XX. O paseo quere ser un conxunto de pistas que nos axuden a entrever novos recunchos posíbeis do mapa literario da cidade .Este paseo dispón de versión diúrna e nocturna. Foi realizado tamén en francés e inglés para alumnado da Escola Oficial de Idiomas e en castelán para FIARE. (Mapa)
  • Carlos Casares e Compostela. Paseo dedicado a Carlos Casares, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 2017, pondo o foco na relación da vida e a obra do autor coa cidade de Compostela. Este paseo realizouse seis veces ao longo da semana do 17 de maio. (Mapa)
  • Scórpio e Ricardo Carvalho Calero en Compostela. Paseo que rende homenaxe á novela ‘Scórpio’ de Ricardo Carvalho Calero no 30 aniversario da súa publicación (1987). Percórrense espazos da cidade relacionados tanto co autor como coa obra e o seu tempo. Deste paseo realizamos sesións nos anos 2017, 2019 e 2020 (Semente e SELIC) (Mapa).
    • Este roteiro serviu de base para a publicación “A derrota do Scórpio” (2020, Concello de Santiago), cuxos contidos foron creados e coordinados por MAOS Innovación Social.
  • O nadal e Compostela. Paseo creado en 2017 con dúas versións: familiar e nocturna. Visítanse espazos relacionados cos ritos típicos, os cantos ou a gastronomía desta festividade tanto no pasado como a súa transformación ao longo do tempo até o presente. (Mapa)
  • O Día das Letras Galegas e Compostela. Paseo que repasa a historia e as persoas homenaxeadas do Días das Letras Galegas desde o seu primeiro ano (1963) até hoxe. Préstase especial atención ás persoas e obras relacionadas con Santiago. (Mapa).
  • Ruta Antonio Fraguas e a Compostela Insólita. Paseo en homenaxe a Antonio Fraguas, Día das Letras Galegas 2019, pondo en relación a súa obra con Santiago de Compostela. (Mapa).
  • Ruta sobre Isaac Díaz Pardo. [Máis información.] Paseo en homenaxe a Isaac Díaz Pardo, realizado no ano 2020 a raíz do centenario do seu nacemento, Tamén se realizou para a SELIC 2020. (Mapa)
  • Emilia Pardo Bazán e Estela. Paseo que percorre espazos da cidade relacionados coa vida e obra de Emilia Pardo Bazán, en homenaxe polo centenario do seu falecemento (2021). Tamén se realizou para a SELIC 2021 e para o IES de Oroso. (Mapa).
  • (Re)coñecendo a Xela Arias. Paseo sobre Xela Arias, muller comprometida coa lingua e coas letras e protagonista do Día das Letras Galegas en 2021. Editora, tradutora, poeta rupturista e mestra, coa súa voz, transgresora e única, pretendía romper coas desigualdades e dignificar a nosa lingua. (Mapa).
  • Compostela Filmada. Percorrido pola rica vinculación de Compostela co mundo do cinema que ofrece unha visión panorámica das principais rodaxes onde a nosa cidade ten protagonismo. Roteiro incluído na programación da SELIC 2021 e da SELIC 2022. (Mapa)
  • Cinema(tógrafo)s de Compostela. Roteiro que percorre a historia das salas de proxección en Compostela, da primeira exhibición do cinematógrafo ás actuais salas de reprodución dixital. Roteiro incluído na programación da SELIC 2022. (Mapa)
  • Mulleres de Compostela no século XX. Paseo que percorre aspectos biográficos de mulleres que deixaron pegada na sociedade compostelá do s.XX. A través do seu exemplo queremos pór en dúbida o que sabemos da nosa historia, cuestionando os seus límites e limitacións. Descubriremos momentos da vida de Elvira Santiso, Concha Castroviejo, María Tobío, Pura Lorenzana ou de Pilar Pereira, mais tamén de Ottilia Ulbricht ou Margot Sponer. Sesións os días 28, 29 e 30 de marzo de 2022 para o programa Artellando Feminismo do Concello de Santiago. (Mapa)
  • O levantamento de 1846. Coa escusa de que en 2022 se cumpren 200 anos do nacemento de Antolín Faraldo, figura fundamental do levantamento, ponse neste paseo en relación diversos espazos da cidade cos eventos acontecidos ao longo dese fatídico abril de 1846 en que as rúas de Compostela acaban por converterse no escenario dunha cruenta batalla. Sesións os días 21, 22, 23 e 24 de abril de 2022 para o Concello de Santiago. (Mapa)
    • Este roteiro estivo acompañado coa elaboración da unidade didáctica de base para a publicación “Levantamento de 1846” (2022, Concello de Santiago), cuxos contidos foron creados e coordinados por MAOS Innovación Social.
  • Compostela exiliada. O Día das Letras Galegas de 2022 dedícase a Florencio Delgado Gurriarán, quen tivo que exiliarse en México tras a Guerra Civil. Con este motivo, a Área de Cultura do Concello de Santiago quere render homenaxe a diversas personalidades que tamén sufriron o exilio nesa época e que tiñan grande relación con Compostela (Concha Castroviejo, Arturo Cuadrado, María Miramontes, Luís Seoane, María Valverde, Granell, etc). O obxectivo é dar unha visión panorámica do éxodo tanto cultural como político que supuxo a vitoria franquista. Sesións os días 16, 17 e 18 de maio dentro das actividades do DLG e o 27 para o programa Elos. (Mapa)
  • Historia das nosas rúas: as Casas Reais. Iniciativa propia de MAOS en colaboración co guía oficial Xosé Antón G. Serén. Máis info aquí.
  • O Seminario de Estudos Galegos e Compostela. En 2023 o Seminario cumpriría 100 anos. Para celebralo a Área de Acción Cultural do Concello de Santiago encargounos elaborar un paseo de homenaxe. Sesións os días 19 e 18 de maio (Festas da Ascención), 13 de xuño (SELIC) e 21 e 22 de outubro de 2023. (Mapa)
  • A Inquisición e Compostela. Neste paseo percórrese a historia do Santo Oficio na nosa cidade, desde a súa instauración en 1574 até a súa extinción definitiva en 1834. Visítanse os lugares que ocuparon as súas dúas sedes compostelás, así como outros espazos relacionados cunha institución determinante para comprender parte da nosa historia e dos conflitos que a percorren. Paseo elaborado por Maos en colaboración con Xosé Antón G. Serén dentro do proxecto ‘Compostela en conflito’, que conta co apoio da Deputación da Coruña. (Mapa)
  • Compostela e as orixes da lingua. Descubrimos como parte do noso léxico habitual provén de linguas faladas no noso territorio antes da chegada do Imperio Romano. Desvélase como esas linguas influirán tamén na aprendizaxe e pronuncia do latín para condicionar o posterior florecemento do noso “romance”, o galego-portugués. Incídese na división medieval do idioma en dous reinos, destácase a aparición da diglosia e a implantación do galego-portugués como idioma da corte en territorio portugués. Xa na parte final, repásanse as perspectivas variadas desde as que se afronta a recuperación do galego escrito desde o Rexurdimento. Paseo elaborado para o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago. Este paseo guiado poden solicitalo de xeito gratuíto os centros de ensino que o desexen. Para iso deben dirixirse ao Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela.

Realizamos todos estes paseos en galego e castelán (a dispoñibilidade doutros idiomas varía, consultádenos sen compromiso!), dispomos de radioguías propias para facilitar a audición e ofrecemos servizos complementarios (xestión de inscricións, creación dun mapa dixital do paseo, etc.).