Este verán queres (re)visitar o Porto? Nesta lista (incompleta, talvez inxusta e moi subxectiva) dámosche 10 pistas e espazos que non sempre entran nas guías….

  1. Casa da Horta é unha asociación cultural onde dan comida vexetariana, hai unha pequena tenda con produtos ecolóxicos, unha minibiblioteca, organizan concertos, oficinas (obradoiros), exposicións, etc. É só para persoas socias, mais podes asociarte no momento e ser, por exemplo, “sócia hortaliça” (1€ ao ano) ou “sócia hortelã” (20€/ano).
  2. O Espaço Compasso é un deses predios vellos que encontras ao pasear polo Porto e que son como un sobre-sorpresa: entras e encontras un pouco de todo. Sala de ensaios, sala multiusos, bar, salas de estar, horta… Defínense como “uma associação de cariz cultural, artístico e ambiental, criada em 2011”. Festas, concertos, xantares veganos brasileiros, oficinas…
  3. Por lindo, por arte, por música, por comidas vexetarianas, por saír á noite ou mesmo á tarde, por ese nome semellante a MaOs, polo predio en que habita e polo elevador que te achega, sempre é recomendábel o Maus Hábitos (fogar do primeiro Galiza em trânsito!).
  4. Si, os pasteis son cousa obrigatoria… E para iso nada mellor que achegarse á área de influencia do mercado do Bolhão (outros dos puntos ineludíbeis de visita, aínda máis tendo en conta os movementos sociais para salvalo da súa privatización e demolición): A Confeitaria do Bolhão é do mellorciño e poderás tamén comer ao mediodía.
  5. A Rua Miguel Bombarda está chea de galerías de arte, as cales “pelo menos seis vezes por ano, com uma periodicidade de sensivelmente 1 mês e meio, 15 Galerias de Arte Contemporânea, localizadas na Rua Miguel Bombarda e nalgumas artérias adjacentes, inauguram simultaneamente exposições de artistas plásticos nacionais e internacionais”. Esas inauguracións simultáneas converten o “quarteirão” nun espazo ben animado e interesante.
  6. A cidade ten diversas e dispersas hortas urbanas, pasea observando atentamente cada recuncho verde e talvez teñas sorte e encontres unha! Aí podemos destacar o proxecto Quinta das Musas Fontinha, “uma experiência social comunitária”. No Mapa da Agricultura Urbana em Portugal e, sobre todo, no do proxecto Porto Verde (vídeo) toparás pistas para encontrar máis.
  7. Libros, livros por toda a parte, moitas librarías podemos encontrar no Porto para alén da harrypotteriana e turística Lello e Irmão, sobre todo hainas de segunda man ou de vello (alfarrabistas). Para ir con paso tranquilo, podemos comezar por coñecer a libraría do Gato Vadio, que tamén é unha asociación cultural e espazo de intervención social con café-bar, concertos… Se estamos en momento poético, mellor visitar Poetria, se non, tamén temos a Unicepe, se é que a encontras… Mais para descubrir xoias, é hora de saír da “baixa” e ir ascendendo cara á avenida dos Aliados, perderse polas rúas poeirentas e ir deixando que as librarías nos encontren…
  8. Vas pola rúa e encontras unha especie de feira ou mercado… diferente? Será que topaches cun encontro da rede de trocas do movemento EcoSol? Consulta as axendas da cidade. Podes comezar por axendas menos “oficiais” como as actividades anunciadas na web do Movimento Economia Solidária do Porto ou a da citada Casa da Horta, aínda que se o prefires sempre podes visitar a axenda do disquecool do Porto, embora máis cool e trendy, O Porto Cool, onde encontrarás parte do que aquí obviamos. Outras axendas clásicas: Viral Agenda, Viva Porto, CM Porto.
  9. Queres fado? Pois dálle á sola! Na asociación Dar à sola terás todas as sextas feiras tardes de Fado Vadio, e tamén “artesanato tradicional, um espaço para oficinas e um bar com produtos essencialmente caseiros.”. E relacionada coa esta asociación está a asociación cultural Da Mão Pró Pé, máis actividades, oficinas… relacionadas cos saberes tradicionais.
  10. Deixamos para o final un dos atractivos máis importantes do Porto e de todo Portugal: o idioma, que tamén é visitábel. Recomendamos favorecer o contacto no idioma común, exercer a galeguia, (re)aprender falando “á solta”… Se non, tamén podes acollerte aos cursos aPorto, na súa web podes obter moi bos consellos sobre onde durmir!

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *