Cinco anos despois do inicio do programa A Memoria das Mulleres, o Concello de Pontevedra decidiu dar un paso máis e crear a web DoGrisAoVioleta.gal, na cal se quere recoller boa parte do traballo realizado e socializalo de forma accesible e ordenada segundo os tres eixos temáticos básicos do programa: Traballadoras, Represaliadas e resistentes e Creadoras e pioneiras. Destacar ademais a sección Biografías, a cal conta con máis de 130 perfís biográficos de mulleres do Concello de Pontevedra.

Cúmprese así dous dos obxectivos básicos do programa: “Elaborar unha enciclopedia virtual sobre as vidas das mulleres do noso concello ao longo dos tempos, procurando a visibilización das mulleres en xeral e atendendo de modo específico ás clases traballadoras“ e “Empregar as tecnoloxías da comunicación para divulgar os materiais e recursos dispoñíbeis“.

MAOS participa no programa desde o comezo do mesmo realizando traballo de campo, investigación e material divulgativo. Neste ano recibimos tamén con emoción a encarga de crear a web recollendo os froitos destes cinco anos. Para o deseño da web traballamos sobre a estética do programa, creada por OVO publicidade, e contamos co traballo e experiencia do deseñador web Adrián Arcay. A web está en permanente actualización, xa que o material xerado ao longo destes anos é inxente e moito fica por subir… E máis que virá!

MAOS somos só unha parte da equipa que traballou e traballa no programa A Memoria das Mulleres. A maior parte do material recollido na web é resultado do traballo de Montse Fajardo, de Etnoga, de María Xesús Escudeiro e de MAOS.

Agradecemos ao Concello de Pontevedra, e sobre todo a Luís Bará, a confianza depositada en nós. Toda unha responsabilidade e un grande orgullo poder participar na salvagarda da memoria das mulleres.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *