MaOs coordina desde o mes de marzo a Feira Come Ourense, creada polo Concello de Ourense a través da súa iniciativa Come Ourense, co obxectivo de promover os produtos locais de alimentación, tanto frescos como elaborados. A feira é de carácter mensual e itinerante: cada mes realizarase nun espazo diferente do concello.

A primeira feira terá lugar na Praza Maior o sábado 28 de marzo de 10 a 14h. O resto das datas confirmadas para as feiras chegan até o verán: 25 de abril (paseo da Ponte, parque do Miño), 23 de maio (r/Salvador Dalí, barrio do Couto) e 6 de xuño (Praza Maior).

Para reforzar o carácter local das feiras, á hora de xestionar as solicitudes de colocación de posto, establécense dous criterios básicos. O primeiro ordena por prioridade as solicitudes segundo a procedencia das persoas ou empresas solicitantes: 1) persoas ou empresas do Concello de Ourense, 2) as da provincia, 3) de fóra da provincia. E o segundo ordena as solicitudes dentro de cada un dos grupos anteriores segundo o tipo de venda: 1) venda directa (neste caso, quen venda polo menos un 60% de produtos de elaboración propia), 2) revenda ou outros. A misión destes criterios é facilitar a participación na feira de postos a persoas ou empresas produtoras locais. Pódense consultar en http://qr.net/normasfeira as normas de participación e adhesión.

Para solicitar a colocación de posto debe entregarse o formulario de solicitude até 15 días antes de cada feira vía email (feira@comeourense.org), cubríndoo online (http://qr.net/Feira), vía telefónica (694474166) ou en persoa no stand de Come Ourense na feira anterior á que se solicita asistir.

A Feira Come Ourense é unha iniciativa do proxecto COME OURENSE de fomento da sustentabilidade alimentar local da cidade de Ourense dentro do proxecto URBACT “Sustainable Food in urban communities”. Ourense é parte desde 2012 dunha rede europea xunto con Bruxelas, Atenas, Oslo, Goteborg, Lyon, Bristol, Messina, Amersfoot e Vaslui.

Folleto comeourense

Deixar unha resposta