Durante case catro décadas moitas mulleres da área de Pontevedra concentraron a súa forza de traballo na fábrica de Alfares A Pontesa, en Ponte Sampaio, unha das máis modernas e avanzadas nos seus comezos e protagonista de protestas laborais nos últimos anos.

Desde crear as pezas de cerámica até decoralas, vernizalas ou empaquetalas, mozos e maioritariamente mozas, aprenderon a traballar nun incipiente modelo industrial organizado en seccións, con primas e control de produtividade así como unha cadea de mando definidida, algo que pouco tiña que ver cos labores que viñan desempeñando as mulleres tradicionalmente na zona, vinculados á terra, ao mar ou a oficios como a costura.

A través dunha conversa con algunhas destas mulleres empregadas da Pontesa, queremos coñecer a mudanza social e persoal que supuxo para elas e a contorna ter un traballo deste tipo en tempos nos que a muller tiña máis dificultades para acceder a un posto asalariado. Ademais acompañarán coas súas narracións persoais a historia da fábrica e axudarán a botar unha ollada á parte humana que se agochaba e xestaba tras das paredes da mítica Pontesa.

Este encontro está aberto a que o público interveña e participe para achegar a súa visión e vivencias, estabelecendo así unha conversa aberta entre as todas persoas presentes.

O acto terá lugar na Casa da Cultura de Ponte Sampaio o vindeiro xoves 2 de outubro, ás 20h. A actividade coordínana Comba Campoy e MaOs Innovación Social e encádrase no proxecto A Memoria das Mulleres, da Concellaría de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra. Un dos obxectivos deste proxecto é o de pór en valor os oficios que desempeñaron as mulleres das parroquias pontevedresas, a través da recollida de testemuños e fotografías que poidan axudar a preservar os saberes e as técnicas asociados a estes oficios, como os das costureiras, as leiteiras ou as mariscadoras.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *